Sánchez defende a inocencia do fiscal xeral "máis aínda tras o visto no xuízo"
Nunha entrevista que publica El País, asegura que non pensou en convocar eleccións tras o bloqueo anunciado por Junts
Respecto aos casos que afectan á súa muller e ao seu irmán, amósase convencido de que "a verdade imperará"
Defende un acordo co PP sobre emerxencia climática que non ve posible polos pactos de Feijóo cun "negacionista"
Pedro Sánchez este mércores na Moncloa. EFE/Mariscal
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defende, nunha entrevista que este domingo publica o diario El País, a inocencia do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, "máis aínda, tras o visto no xuízo".
Sánchez refírese, así mesmo, ao anuncio de Junts de bloquear as iniciativas do Goberno no Congreso, e considera que a complexidade parlamentaria, "é froito da vontade cidadá".
Ao seu parecer, a única opción de gobernabilidade que hoxe existe é "con este Goberno de coalición progresista con minoría parlamentaria" e que esta complexidade "pode ir aliñada co bo goberno".
Respecto a se pensou en convocar eleccións para despexar o bloqueo, responde que "non estamos nesa situación" e sostén que o executivo cumpre co acordo de investidura.
Ademais, engade que "naquelas cuestións que teñen que ver coa nosa competencia, cumprimos con Junts e co resto de grupos parlamentarios" e nas que non "traballamos para que se cumpran".
Acordos co PP
Durante a entrevista, o presidente do Goberno considera "que é necesario articular máis acordos co partido principal da oposición", aínda que sostén que o PP "está rendido á ultradereita e aboado ao esperpento" e engadiu que a pesar diso "a vontade do Goberno para chegar a pactos é total".
Neste sentido, Sánchez comenta que debería chegar a un acordo co PP "fronte á emerxencia climática".
"Pero precisamente na Comunidade Valenciana, que foi vítima da emerxencia climática, o que estamos a ver é que Feijóo deixa a solución en mans de Abascal, que é negacionista".
Preguntado pola suba de Vox nas enquisas dixo que "non é unha boa noticia".
"A dereita política, mediática e intelectual, con tal de que non gobernen as forzas progresistas, é capaz de branquear a ultradereita", como pasa, engadiu, con asuntos como a inmigración.
Dende o seu punto de vista, detrás dunha mocidade máis de dereitas ca nunca, segundo as sondaxes, están unhas redes sociais vinculadas a "unha internacional ultradereitista ben articulada".
"Esta nova realidade hai que imputala a unhas redes sociais que hoxe non propagan a verdade, senón loiadas. Non difunden a convivencia, senón a polarización".
"A verdade imperará"
Respecto aos casos que afectan á súa muller, Begoña Gómez, e ao seu irmán, David Sánchez, amósase convencido de que "todo se porá no seu sitio" e que "a verdade imperará".
Subliña que cando se abriron estes procesos criticou "esta máquina do lodo que puxo en marcha a dereita e a ultradereita".
"E fíxeno porque pseudosindicatos como Manos Limpias, Hazte oír, presentan denuncias baseadas en recortes e o que fai a oposición, a dereita e a ultradereita, é amplificalas (...). A miña tese é que asistimos a un colapso político e intelectual do centrodereita en España e en Europa. Non teñen proxecto, quedaron no ruído, a difamación e a propagación de loiadas".
Sobre os casos de José Luis Ábalos e Santos Cerdán defende que el e o PSOE actuaron "con contundencia e determinación" e respecto a un posible financiamento irregular do PSOE, garante que "non houbo en absoluto".
Ademais, asegura manter a confianza no ministro Ángel Víctor Torres que, segundo lembra, cando foi presidente das Canarias "fixo todas as cousas de maneira legal nun momento de máxima presión, con todas as administracións buscando máscaras e respiradores".
O presidente do Goberno tamén se amosa favorable a estudar prolongar a vida das centrais nucleares, se os seus propietarios "garanten a seguridade dos territorios e da provisión enerxética e non nos piden á cidadanía que paguemos máis impostos para eles facer caixa".
Gasto en defensa
Sobre o 5% do produto interior bruto (PIB) en defensa considera que "temos que facer un traballo diplomático en Europa para que en 2035 non teñamos unha Europa armada ata os dentes".
"Pero tampouco podemos ser inxenuos... Se Europa quere gañar autonomía temos que aumentar o noso orzamento en Defensa e Seguridade".
Á pregunta de se estaría España disposta a pedirlles perdón aos pobos indíxenas de México, responde que "temos na nosa historia clarescuros e é bo recoñecelos para comprendernos mellor e seguir construíndo esas relacións sobre bases moito máis sólidas".
Polo que atinxe ao libro de memorias do rei Xoán Carlos, asegura que aínda non o leu, "pero non vai ser un dos que recomende para este Nadal", conclúe.