Puigdemont di que Pedro Sánchez é amoral" e ten "unha ambición desmedida"
Asegura nunha entrevista no xornal El Mundo que se aproveitou da ambición de Pedro Sánchez para derrotar España e conseguir a lei de amnistía
O expresidente catalán Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica, volve sacudir a política española cunha entrevista que concedeu a un xornal. Nela asegura que se aproveitou da ambición de Pedro Sánchez para derrotar España e conseguir a lei de amnistía.
"Amoral e cunha ambición desmedida". Así define Puigdemont a Sánchez nunha entrevista no xornal El Mundo. Foron esas cualidades, di o catalán, das que se aproveitou para, segundo el, derrotar España e conseguir, incluso máis fácil do que esperaba, a lei de amnistía.
Para os seus, o líder de Junts conta a verdade sobre un PSOE ao que Míriam Nogueras acusa de cínico.
A Gabriel Rufián, de Esquerra Republicana, a entrevista provócalle moita pena e aos de Sumar, asombro.
Ao PSOE, a entrevista resultoulle "moi esclarecedora". O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, tachou este xoves de"bastante irrelevante" a entrevista, e defendeu que España ten actualmente "máis cohesión territorial que nunca" grazas ás políticas levadas a cabo polo Executivo.
O portavoz nacional do PP, Borja Sémper, considera que a entrevista é a "acta notarial" desta última lexislatura do Goberno de Pedro Sánchez, e beneficia a "a verdade" e á "transparencia". Ademais, deu credibilidade ás declaracións de Puigdemont porque "nunca enganou" sobre as súas pretensións.
O avogado de Puigdemont asegura que o político volverá a España cando o Tribunal Supremo arquive a súa causa.