Luis López: "O Goberno atrasa con escusas e estudos o AVE entre Vigo e O Porto"
O presidente da Deputación de Pontevedra acusa o Ministerio de Transportes de desprezar a provincia
Asegura que o ente provincial está facendo máis investimentos ca nunca en Vigo e en Pontevedra
Destaca que o Camiño portugués permite desestacionalizar o turismo nas Rías Baixas
O presidente da Deputación de Pontevedra acusa o Goberno de España de pór atrancos para desbloquear a conexión por alta velocidade entre Galicia e Portugal.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Luis López defendeu que o "tren rápido ao Porto é unha infraestrutura clave".
"Todo ese corredor supón un mar de oportunidades. O problema é que o Goberno de España está poñendo escusas e lanzando estudos que atrasan ou distraen. Portugal está facendo os deberes pero España non".
Luis López tamén expresou a súa preocupación por outras infraestruturas. Lamentou que Vigo "deixe de ser un porto nodal", a falta de voos en Peinador ou as "fochancas considerables" nas estradas que atravesan a provincia, exemplos –sinalou– "do desprezo do Ministerio de Transportes á provincia de Pontevedra".
O titular do ente provincial puxo o foco na AP-9. Defendeu que a xestión desta vía dende Galicia "é fundamental".
"A transferencia e a gratuidade son clave, xa que afectan ás familias, aos autónomos e restan competitividade. Non nos valen bonificacións, queremos a gratuidade e non imos deixar de alzar a voz ata conseguilo".
O responsable do ente provincial lamentou que, ao seu xuízo, o Goberno non queira transferir esta infraestrutura a Galicia, o que considera unha "discriminación".
"Os bloqueos na Mesa do Congreso son un claro exemplo de que non hai a vontade que si houbo noutros territorios de España. Hai unha discriminación clara".
Investimentos
O presidente da Deputación de Pontevedra referiuse, nos micrófonos da Radio Galega aos presupostos para 2026 que o ente provincial aprobou o venres pasado e que ascenden a 239 millóns de euros.
"Un de cada tres euros van para os concellos, para afrontar investimentos, contratación de traballadores, gastos correntes ou proxectos estratéxicos".
Con respecto aos investimentos nas cidades de Vigo e Pontevedra, Luis López asegurou que son os maiores ata o momento.
"Aí están os números. O dato mata o relato. Estamos investindo máis ca nunca en Vigo e en Pontevedra".
Luis López referiuse ás achegas para a reforma da bancada de gol de Balaídos, da cal a metade do presuposto consígnao a Deputación. Tamén sinalou que o cine Fraga "non podería reabrir se non fose pola Deputación e pola Xunta".
Ademais, destacou a recuperación da Bienal de Arte de Pontevedra, os sete millóns reservados para a rehabilitación do convento de Santa Santa Clara ou as actuacións por valor de cinco millóns na Cidade Infantil Príncipe Filipe.
Turismo
Noutra orde de cousas, o presidente da Deputación de Pontevedra amosouse contrario ao "fenómeno de considerar o turismo como un problema".
"O turismo é unha oportunidade pero hai que repartilo por toda a provincia e iso é o que estamos a facer. Por primeira vez na historia da Deputación non aparece nin un só metro de praia ou de costa na campaña do destino Rías Baixas. Algo impensable e que resultou ser un éxito".
Luis López tamén puxo o foco no Camiño Portugués, que describiu como "un auténtico espectáculo" que está incrementando a chegada de peregrinos estranxeiros e desestacionalizando o turismo.
"Está sendo un revulsivo para moitos concellos e vilas. En Baiona, grazas ao Camiño, os establecementos xa non pechan uns meses ao ano. É unha fonte de riqueza importantísima".
O titular da Deputación de Pontevedra amosou as súas reservas con respecto á taxa turística que implantará Redondela e cuestionou que sirva para mellorar a prestación de servizos.
Taxa do lixo
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Luis López, asegurou que a suba da taxa do lixo nos concellos da Mancomunidade do Morrazo "non é de recibo".
"É un auténtico disparate. As fórmulas teñen que ser outras pero non esta suba desproporcionada".
O presidente da Deputación de Pontevedra explicou que dende o ente provincial lanzaron "plans e medidas" para que os concellos fagan unha xestión dos residuos axeitada que abarate os recibos. Puxo como exemplo as experiencias en Tomiño, Ribadumia ou Meaño.