Seis horas sen luz en Bueu e Cangas
A caída dunha póla sobre o tendido deixou sen luz máis de 1.300 familias e empresas de Bueu e Cangas
Os empresarios do polígono levan anos sufrindo cortes continuos de luz
Apagamento total no polígono de Castiñeiras. A caída dunha póla no tendido que vai da subestación da Madalena de Cangas a Bueu paralizou a actividade das mais de trinta empresas que se concentran nesta área industrial de Bueu.
Algunhas delas non recuperaron a subministración ata seis horas despois. Segundo Pablo Pazos, Presidente Asociación de empresarios do Polígono Industrial de Castiñeiras (AEPICAS) "levamos con cortes así dende hai moitos anos e o que non pode ser que nun polígono coma este en que temos dúas conserveiras, ITV ou moitas empresas con conxelados, que esteamos practicamente un día enteiro sen luz e sen poder traballar".
Láianse tamén na Distribuidora alimentaria do Morrazo DISALMO; Patricia Vales Antón conta que "non sabiamos moi ben o que ía asar, e tivemos moitos problemas, porque xusto nese momento chegou un tráiler con doce palés de conxelados e non podiamos facer nada, non podiamos pesalo, darlle entrada...".
Coches amoreados con citas anuladas na ITV, traballadores facendo o que podían baixo a luz das lanternas e preocupación máxima nas empresas de alimentación que traballan con produtos frescos. Todos eles pendentes dos conxeladores e dos seus propios xeradores.
Contan en DISALMO que "hai que ter as cámaras pechadas para que non haxa flutuacións de temperatura, e esperar a ver o que pasaba. Nos o que fixemos foi o que podamos facer coas mans, pero non podiamos recepcionar, facer pedidos, usar as máquinas, embandexar... Estivemos case tres horas esperando a ver o que pasaba".
Neste polígono de Castiñeiras están afeitos aos cortes. Concello e Naturgy comprometéronse hai dous anos a dotarlles dunha liña soterrada pero aínda esperan. Segundo o presidente dos empresarios do Polígono "á parte dos cortes xerais como o de agora hai microcortes, e non saben o dano que fan "porque mesmo as conserveiras cada microcorte suponlles outros vinte minutos para poñer d novo en marcha as máquinas para poder funcionar".
Empresas e particulares séntense abandonados e reclaman unha solución rápida.