Seis deputados do PSdeG defenden nunha carta a Seco ante Ferraz
Insisten en que os motivos que alega a dirección, que dirixe Valentín González Formoso, “non corresponden á realidade do sucedido”, polo que piden que non se impoña a sanción de suspensión cautelar de militancia para Seco.

Seis deputados do grupo parlamentario do PSOE na Cámara galega enviaron unha carta á cúpula do partido en Ferraz para mostrar o seu desacordo co expediente que a dirección do partido en Galicia abriu contra o deputado Martín Seco.
A dirección do PSdeG pide unha suspensión cautelar de militancia para o parlamentario, pero Seco insiste en que non hai motivo algún para iso, polo que xa avanzou esta semana que non entregará a súa acta de deputado e que non descarta acudir á “xustiza ordinaria”.
A carta remitida a Ferraz está asinada, ademais de polo exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, por outros cinco deputados, que son Pablo Arangüena, Noelia Otero, Mariña Ortega, Noa Díaz e Eduardo Ojea.
Estes seis deputados, máis Martín Seco, conforman a metade do grupo parlamentario, que conta con catorce compoñentes tras as eleccións autonómicas de 2020.
Na misiva, os compañeiros do deputado insisten en que o expediente aberto pola dirección do partido en Galicia é inxustificado debido a que entenden que o comportamento de Martín Seco foi "intachable, honorable, de esquerdas”, ademais de “ao servizo de Galicia e leal ao PSdeG".
Os parlamentarios lamentan o motivo que aduce a dirección para abrir o expediente a Seco en base a unha intervención na Cámara acerca dunha lei autonómica sobre áreas empresariais e remarcan que eles subscriben “integramente” as palabras do deputado expedientado.
Insisten en que os motivos que alega a dirección, que dirixe Valentín González Formoso, “non corresponden á realidade do sucedido” polo que piden que non se impoña a sanción de suspensión cautelar de militancia para Seco.