Seis chalés de Barreiros enfróntanse á orde de derruba
As vivendas teñen máis de 20 anos e, segundo os seus propietarios, foron construídas con todas as licenzas en orde
Tras unha denuncia en 2012 a xustiza declarou ilegal a división do terreo orixinal en seis parcelas
Os veciños de seis vivendas de Barreiros enfróntanse a unha orde de derruba que quere acabar coas súas vivendas. Todo comezou cunha denuncia dunha asociación ecoloxista no ano 2012. O xuíz declarou ilegal a división do terreo orixinal en seis parcelas, por tanto, todas as licenzas posteriores son ilegais. Dende o Concello teñen claro que o camiño é cumprir coa sentenza.
"Xa no 2019 se estaba instando a execución baixo apercibimento de incumprimento, de desobediencia a autoridade. Son reiterados nos últimos anos co cal, é un procedemento xudicial e a solución pasa polo que determine o xulgado", afirma Ana Ermida, a alcaldesa de Barreiros.
Pola contra, os afectados entenden que o propio Concello pode dar unha solución.
"Se sae un plan, pode paralizarse o derribo ao día seguinte. Son parcelas legalizables, pero é un tema político, depende de que os políticos o queiran facer. Nesta caso non saben, non poden ou non queren", di César, un dos afectados.
O xulgado deu un prazo de cinco meses para executar a sentenza. Os veciños, a maior parte deles xubilados, enfrontan con pouco optimismo o proceso.