Publicador de contidos

Publicador de contidos

Segundo Nadal en pandemia: sen restricións, pero con recomendacións

Segundo Nadal en pandemia: sen restricións, pero con recomendacións

Este ano triplicamos o número de casos activos, pero a taxa de hospitalización é menor ca o ano pasado

Centos de persoas acoden aos puntos habilitados para test de antíxenos sen cita previa

G24.gal 24/12/2021 13:58

Dúas horas despois de comezar, xa pasaran pola Casa da Xuventude de Ourense duascentas persoas para faceren o test de antíxenos para a Noiteboa. É unha das novidades das festas deste ano, en que chegamos ao Nadal con máis de vinte mil casos activos, fronte aos cinco mil do ano pasado. 

Daquela, as autoridades sanitarias advertían dos riscos dunha terceira onda que se manifestou en xaneiro, á volta do Nadal, mentres que este ano as festas cóllennos en plena sexta onda. "Como hai unha incidencia tan alta, parece que hai máis medo, a pesar das vacinas". "A xente ten medo e non te xuntas como todos os anos. Nós xuntarémonos os 5 que somos", comentan dúas mulleres mentres esperan a súa quenda para facer o test.

A este Nadal chegamos cunha elevada porcentaxe de vacinación, que se estende xa aos menores de doce anos, pero cunha nova variante da covid, a ómicron, especialmente contaxiosa, así que son moitos os que fan o test para iren máis tranquilos á cea: "Hoxe imos cear cos nosos avós e por iso viñemos aquí, para ter máis tranquilidade", di unha moza.

Recomendacións

O que o ano pasado eran restricións de mobilidade, de reunións e de horarios, este ano son recomendacións, pero igual de enfáticas por parte das autoridades sanitarias.

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: "Estamos a tempo de ser prudentes. Hai que ser cautelosos, prudentes, aplicar o sentido común e pensar que hoxe non se acaba o mundo, que hai máis días para gozar".

Unhas recomendacións das que toman boa nota a maioría dos cidadáns, que non prevén grandes diferenzas con respecto ás festas do ano pasado.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade