Segundo asalto nun mes a unha vivenda unifamiliar de Láncara, en Lugo
Desta vez tamén buscaban cartos e xoias e rebentaron a caixa forte cunha radial
Hai preocupación nos veciños da zona, que agardan que a Garda Civil dea cos ladróns
Todo revolto e un intenso cheiro a queimado foi a escena que encontrou a propietaria ao abrir a porta da casa. Entráranlles a roubar e non había moito tempo.
"Chamoume chorando e díxome: 'Entraron roubar'. Había un cheiro a ferro queimado moi forte, marcharan había pouco, forzaron a caixa forte que temos na primeira planta", explica a dona da casa, Pilar Franco.
A casa en que entraron é a da nai de Pilar; nela vive a súa irmá, que di que foron directos pola caixa forte, que rebentaron cunha radial.
"Había cartos, tamén levaron o ouro que tiñamos a vista, desmantelaron toda a casa", engade Pilar Franco.
De momento non fixeron unha valoración do roubado, pero son cousas de gran valor económico e sentimental que pertencían á nai finada hai un ano.
"É un desacougo porque eran as cousas de miña nai, a ela encantábanlle os colares de pedras que lle traia meu irmán das viaxes, e estaban tirados todos polo chan", comenta a dona da casa.
Na zona hai preocupación, porque hai un mes houbo outro roubo. Foi nunha casa desta urbanización. Tamen actuaron de día e levaron 10.000 en cartos e xoias.
"Xa van dous nun mes, parece que nos teñen controlados", comenta Isidro Suárez, veciño da zona.
A Garda Civil investiga os dous roubos.