Continúa a vaga de roubos no Deza, con tres novos asaltos en Lalín
Entraron polas ventás de vivendas de Moneixas e Carragoso, aproveitando a ausencia dos donos
O modus operandi é similar ao dos asaltos rexistrados na comarca de Santiago
Un pequeno burato na fiestra serviulles aos ladróns para entrar na casa dunha veciña de Carragoso, nas aforas de Lalín. Foi entre as seis e as sete da tarde do domingo, aproveitando un momento en que saíra da vivenda.
A chegada duns veciños sorprendeu os asaltantes, que saíron precipitadamente da casa. Tiveron pouco tempo, pero deulles para remexer armarios e caixóns e roubar as xoias de maior valor económico e sentimental da familia.
A poucos quilómetros de alí, en Moneixas, rexistráronse, tamén o domingo, outros dous roubos de características similares. Malia que unha das casas está en pleno núcleo, ninguén notou nada raro.
Mentres a Garda Civil investiga os saqueos, a preocupación medra entre os veciños do Deza. En Silleda, onde tamén entraron a roubar en dous pisos a pasada fin de semana, o Concello anunciou un reforzo policial e pediu aos veciños que lembren pechar con chave aínda que se ausenten por pouco tempo.