Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia volve bater récord en 2025: 429 transplantes e 143 doantes permitiron salvar unha vida ao día

Galicia volve bater récord en 2025: 429 transplantes e 143 doantes permitiron salvar unha vida ao día

229 foron de ril, dos que 22 procedían de doantes vivos; 116, de fígado; sete, de páncreas; 26, de corazón e 51, de pulmón

8 de cada 10 familias de falecidos din si á doazón

A taxa de doantes aumenta e achégase aos 53 doantes por millón de habitantes que recomenda a Organización Nacional de Transplantes

G24.gal 15/01/2026 15:40

Os transplantes en Galicia continúan batendo récords con 429 intervencións e 143 doantes en 2025, cifras que permitiron "salvar unha vida" ao día o ano pasado.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Camaño, que este xoves ofreceu unha rolda de prensa para dar a coñecer o balance acompañado pola directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos (ADOS), Marisa López; e pola coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas.

"Grazas á xenerosidade dos galegos e á profesionalidade dos equipos dos nosos hospitais, conseguimos realizar máis dun transplante diario, o que se traduce en máis dunha vida salvada por día", destacou o conselleiro de Sanidade.

Da cifra total de transplantes do pasado ano, 229 foron de ril, dos que 22 procedían de doantes vivos; 116, de fígado; sete, de páncreas; 26, de corazón e 51, de pulmón. Estes 429 transplantes beneficiaron a un total de 420 pacientes, xa que algúns casos foron de transplantes multiorgánicos.

Gómez Caamaño, ademais dos bos datos da actividade, destacou os fitos segundo distintos tipos de transplantes realizados. Os transplantes pancreáticos, que son os máis complexos, experimentaron a maior subida: incrementáronse un 75 % con respecto ao ano anterior, desde os catro realizados en 2024 aos sete de 2025.

Así mesmo, subliñou a subida do 10 % nos transplantes renais, tamén con novo récord, alcanzando a cifra máis alta desde que no ano 1981 comezou o programa de transplantes en Galicia. Tamén en 2025, a sanidade galega alcanzou a terceira cifra máis alta de transplantes pulmonares desde que en 1999 comezou este programa na Coruña.

En canto á doazón de tecidos, en 2025 contouse con 211 doantes de córneas, 64 de ósos e 36 de segmentos vasculares.

Destacan tamén que a taxa de doantes continúe en aumento, concretamente un 4 % máis que o ano anterior e achegándose á taxa de 53 doantes por millón de habitantes (52,8 en concreto), co que se superarían as recomendacións da Organización Nacional de Transplantes.

Doazón en asistolia

Por outra banda, Gómez Caamaño puxo o foco noutro factor "clave" para o crecemento dos transplantes: a consolidación da doazón en asistolia, iniciada en 2012 -de falecidos por paro cardiorrespiratorio irreversible, non por morte encefálica-. En 2025, estes transplantes superaron por primeira vez en Galicia ás doazóns de morte encefálica.

En canto á causa principal de morte dos doantes, os factores principais foron os accidentes cerebrovasculares, cun 53 %, seguidos dos traumatismos cranioencefálicos por accidente non de tráfico, cun 11 %, mentres que os accidentes de tráfico foron xa só o 1%. A idade media foi de 62 anos.

Os comparecentes destacaron tamén o impacto da Lei da eutanasia, que desde 2021 permitiu que 60 persoas puidesen ser transplantadas.

Agradecemento aos familiares

O conselleiro mostrou o seu agradecemento aos familiares dos falecidos que, en moitos casos, son os responsables de cumprir os desexos dos doantes. En concreto, oito de cada 10 familias din si á doazón, co que as negativas quedan por baixo do 20 % (no 19,7 %, tres puntos menos respecto ao ano anterior e consolidando unha tendencia decrecente).

Desde a posta en marcha do programa de doazón e transplante, no ano 1981, ata o final do 2025, en Galicia realizáronse un total de 10.404 transplantes de órganos. Más de 3.600 galegos son doantes de órganos, con 128.000 persoas rexistradas como doantes, das cales 1.881 sumáronse o pasado ano.

Por outra banda, explicaron que a revisión das indicacións para transplante ao mellorar as condicións dos doantes e as técnicas de transplante fan que, aínda que aumenten as intervencións, aumente tamén o número de persoas que esperan por un transplante.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a directora da Axencia de Doazón de Órganos, Marisa López, e a coordinadora autonómica de trasplantes, Encarnación Bouzas, durante a presentación dos datos O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a directora da Axencia de Doazón de Órganos, Marisa López, e a coordinadora autonómica de trasplantes, Encarnación Bouzas, durante a presentación dos datos

En canto aos tempos de espera, tamén se reducen. A media para fígado, corazón e pulmón é de tres meses, "pero non adoitan pasar de mes e medio". Actualmente, 266 persoas esperan por un transplante.

Rede entre comunidades

Doutra banda, o conselleiro reivindicou a rede "sólida e cohesionada" de transplantes que existe a nivel autonómico e nacional, que permitiu que só en 2025 un total de 99 galegos puidesen ser transplantados grazas ao intercambio entre comunidades e que 66 dos doantes galegos entregasen os seus órganos a persoas doutras partes de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade