En Santiago non chove tanto coma en Santa Comba
Os rexistros de 2025 desmenten o mito da chuvia incesante en Santiago: en Santa Comba chove o dobre
Na estación de Fontecada recolléronse 3.500 litros por metro cadrado fronte a 1.700 en Santiago
O 26 de xaneiro do ano pasado foi o día máis chuvioso de 2025 en Santa Comba e en toda Galicia: 166 litros por metro cadrado, o que chove en todo un ano en Lanzarote.
"Hai moita humidade. Chuvia, chuvia, chuvia". "Os invernos son crus, pero non tanto coma antes", lamentan dous veciños de Santa Comba.
A pouco máis de media hora de Compostela, en Santa Comba, recolléronse o ano pasado o dobre de litros por metro cadrado que na capital de Galicia, case 3.500, na estación meteorolóxica de Fontecada.
"Chove moito, en Fontecada sobre todo, e vai frío". "Aquí a auga non fai dano, corre para abaixo", aseguran os veciños.
En Santiago foron 1.700 litros, pero a humidade transcende máis na capital galega, destino de peregrinos de todo o mundo que teñen que idear maneiras de protexérense da chuvia, por moito que en Santiago lle chamen arte.
"A min moléstame máis o vento, polo paraugas, pero se chove, que chova", conclúe un veciño.