Os traballadores do metal de Ourense anuncian un paro indefinido se non avanza a negociación
"Non podemos seguir perdendo cartos", aseguran mentres reclaman subas salariais que os acheguen ao que se cobra no sector noutras provincias
Os traballadores da siderometal en Ourense volveron saír á rúa para reclamar un convenio colectivo digno. Segundo explican dende UXT-FICA, unha das centrais convocadoras da folga, o anterior convenio caducou o 31 de decembro, e queren negociar melloras.
A liña vermella é a "cláusula de revisión salarial" para garantir o mantemento do poder adquisitivo. Denuncian que -despois de nove reunións coa patronal- aínda non hai pacto, e advirten de que irán á folga indefinida a partir do 5 de outubro se non hai avances.
"Non podemos seguir perdendo cartos", resume o secretario xeral de UXT-FICA en Ourense, Manuel González. Denuncia ademais a fenda salarial con respecto dos traballadores do sector en Pontevedra ou A Coruña, que cobran entre o 14 e o 17 por cento máis que os ourensáns.