Publicador de contidos
Publicador de contidos

Almuíña defende a contratación en pandemia da Xunta con Feijóo como "especialista maior"

Almuíña defende a contratación en pandemia da Xunta con Feijóo como "especialista maior"

Jesús Vázquez Almuíña, actual alcalde de Baiona e conselleiro de Sanidade entre 2015 e 2020, dixo que os procesos "foron escrupulosos coa normativa" a pesar da situación de emerxencia

A ex conselleira Fernández Currás carga contra o informe "imposible" do Consello de Contas sobre o Álvaro Cunqueiro, cuestionado tamén pola concesionaria

O comparecente e exconselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña (e) conversa co deputado do Grupo Popular e tamén exconselleiro de Sanidade Julio García Comesaña (d) antes de dar comezo a comisión non permanente de investigación sobre a contratación pública da Xunta que se celebra no Parlamento de Galicia (EFE / Xoán Rey) O comparecente e exconselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña (e) conversa co deputado do Grupo Popular e tamén exconselleiro de Sanidade Julio García Comesaña (d) antes de dar comezo a comisión non permanente de investigación sobre a contratación pública da Xunta que se celebra no Parlamento de Galicia (EFE / Xoán Rey)
G24.gal 26/11/2024 08:54 Última actualización 26/11/2024 13:04

O exconselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuíña, que ocupou este cargo entre 2015 e 2020, defendeu a contratación pública da Xunta e a xestión realizada durante a pandemia, na que destacou a "importancia" do presidente galego de entón, Alberto Núñez Feijóo, como "especialista maior".

Na súa comparecencia na comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta, o actual alcalde de Baiona asegurou que o Goberno galego adoptou "solucións" que foron importantes, fronte aos "erros" que cre que cometeu o Goberno central, e fíxose "un bo traballo", con procesos que "foron escrupulosos coa normativa" a pesar da situación de emerxencia.

Entre os acertos da Xunta citou a creación do comité clínico, de 33 persoas "con nomes e apelidos" lideradas por Núñez Feijóo, que era "o especialista maior, entre todos os de rango político dese nivel", xa que contaba con "nove anos de experiencia", segundo Almuiña, aínda que entón levaba once anos no cargo.

Grazas a esta traxectoria, Feijóo, que non está entre os comparecentes nesta comisión a pesar das reiteradas peticións da oposición, puido "colaborar coa súa experiencia e escoitar a xente que estaba nas áreas sanitarias todos os días".

O exconselleiro insistiu en varias ocasións en que aos 33 profesionais do comité clínico se lles debería facer "unha homenaxe" polos protocolos que elaboraron para mellorar a situación e decisións como a de pechar a comarca da Mariña lucense unha semana antes das eleccións autonómicas de 2020, que "foi moi dura e moi drástica" pero cre que efectiva.

Tamén defendeu as decisións temperás que adoptou a Xunta, como a compra de respiradores ou a creación dun "stock estratéxico" de material e a centralización das compras, con empresas que considera que demostraron a súa solvencia "no día a día", un total de 62, das que "o 78 % eran provedoras habituais".

Entre elas citou a Sibucu 360, unha das contratacións criticadas pola oposición, que para a Xunta foi solvente: "Puxo as máscaras, e nós pagámolas", apuntou o exconselleiro.

Pola contra, Almuíña criticou que o Goberno central cometeu "erros" como "decisións que non se tomaron", entre elas a "tardanza" en declarar o estado de alarma ou a "falta de control" dos aeroportos e a súa "incapacidade" para realizar compras centralizadas, e tamén un "infrafinanciamento de Galicia", especialmente durante a primeira etapa da pandemia, xa que o diñeiro que recibía a comunidade autónoma era inferior "ao que lle correspondía por poboación".

Na primeira sesión, celebrada o pasado 22 de novembro, declararon a súa antecesora no cargo Rocío Mosquera e mais o seu predecesor Julio García Comesaña

Na oposición volveron reprochar a contratación de emerxencia realizada pola Xunta en pandemia con empresas "que non eran solventes", como Sibucu, segundo o deputado do BNG Óscar Insua, quen denunciou o "uso fraudulento de mecanismos" de contratación como a división en contratos menores, dos que houbo "unha auténtica animalada".

Para a deputada do PSdeG Patricia Iglesias, estas prácticas da Xunta reflicten "un modus operandi durante 16 anos" para a "contratación a dedo" sen concurso público para "favorecer as empresas con vínculos persoais e familiares" con cargos públicos do PP, coma o propio Feijóo.

PPdeG acusou os socialistas de estaren a insultar, cando non imputando directamente un delito, os funcionarios públicos das mesas de contratación. O deputado Roberto Rodríguez díxolle a Iglesias que se é certo ten que ir ao xulgado e considerou que BNG e PSdeG só son "parvos útiles", un para o outro, en Madrid e en Galicia.

Actitude "obstrucionista" de Vigo co Cunqueiro

Con respecto á construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, outra das contratacións que se investiga nesta comisión, por un suposto sobrecusto de 470 millóns de euros ao optar polo sistema de concesión, o exconselleiro criticou a actitude "claramente obstrucionista" do Concello de Vigo e a súa falta de apoio para esta obra fundamental para a área sanitaria.

Ao mesmo tempo, reivindicou o "control exhaustivo" da concesión que realizou a Xunta, citando o propio informe do Consello de Contas, que fiscalizou a contratación das obras, e que a obra se fixo nun "tempo récord" dentro dunha reorganización da área sanitaria que mellorou a calidade asistencial "de forma notable". 

A concesionaria do Cunqueiro cuestiona ao Consello de Contas e nega sobrecusto

A sociedade concesionaria Novo Hospital de Vigo, encargada da construción do Álvaro Cunqueiro e da xestión dos servizos non clínicos, cuestionou os cálculos realizados polo Consello de Contas, que no seu informe de xullo apuntaba a un "sobrecusto" de máis de 470 millóns debido ao modelo de licitación escollido pola Xunta.

O informe sinalaba que o sobrecusto se producía debido a que a Xunta optou por modelo de concesión -mediante o cal una UTE encargábase da construción do novo hospital e da xestión dos servizos non sanitarios -en lugar de licitar por separado a obra e os servizos.

O xerente da sociedade concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro, Enrique Nieto, durante a súa comparecencia este martes na comisión de investigación dos contratos da Xunta, negou tal sobrecusto e cuestionou "os cálculos" realizados polo Consello de Contas, "moi difíciles de xulgar", debido a que "non existe ningún arquivo" onde se poida ver o detalle dos mesmos.

Nieto, enxeñeiro de camiños de profesión e con experiencia en procesos de concesión, defendeu este modelo no ámbito hospitalario, usado "mundialmente" e que en España desenvolveuse "no momento adecuado".

Asegurou que en 2010 en España o Estado estaba moi limitado á hora de financiar grandes infraestruturas debido ao "alto endebedamento", e que a fórmula da concesión "estivo planificada desde o principio".

Así, encargouse á UTE o financiamento, deseño e construción dun novo hospital en Vigo, "o máis grande en España naquel momento" e, unha vez construído, adxudicouse ao mesmo grupo a xestión dos servizos non clínicos dos tres hospitais que formaban o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), por un período de 20 anos, a cambio dun canon anual.

Nieto advertiu que cando se publicou o informe do Consello de Contas os seus conselleiros chamárono para preguntarlle "onde estaba o diñeiro" porque non "atopaban" eses 470 millóns de euros de "suposto" sobrecusto.

Na súa intervención, asegurou que a concesionaria recibe unha cantidade menor que o prezo de licitación e que o contemplado na adxudicación, concretamente 18 millóns de euros menos, polo que se contradi cos datos do Consellos de Contas.

Ademais criticou que nese suposto sobrecusto inclúan o IVE, "que é un imposto que vai á administración".

A ex conselleira Fernández Currás carga contra o informe "imposible" do Consello de Contas

Marta Fernández Currás, que foi conselleira de Facenda entre 2009 e 2011, defendeu este martes o modelo de colaboración público-privada utilizado para o hospital Álvaro Cunqueiro e cargou contra o “imposible” informe do Consello de Contas que ditaminou que licitar a obra e os servizos do centro por separado supoñería un aforro de máis de 470 millóns de euros.

“Sorpréndeme a simplicidade da análise do Consello de Contas”, esgrimiu a exconselleira -que tamén é inspectora de Facenda- na súa comparecencia na comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta.

Na súa intervención foi moi crítica co Consello, xa que parte, ao seu xuízo, “dunha hipótese imposible” en base ao escenario económico da data e que ademais presenta un “cálculo mal valorado” porque “utiliza variables incorrectas”.

Por iso, dixo mesmo que non sabe se o citado informe “ten sentido”, dado que parece que “ignora a crise” na que estaba inmersa a economía española e, por tanto, tamén a galega.

Nese momento “non había alternativas” á que se utilizou e sen optar polo modelo público-privado, “non había marxe para construír un hospital”, argumentou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade