Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seguen sen poder regresar ás súas casas os afectados pola derruba dun muro dun colexio de Ourense

Seguen sen poder regresar ás súas casas os afectados pola derruba dun muro dun colexio de Ourense

Unha semana despois as cinco familias afectadas agardan a que se certifique a estabilidade do edificio

G24.gal 10/03/2023 14:29

Os veciños de Ourense desaloxados pola caída do muro do colexio Cardenal Cisneros seguen sen poder regresar ás súas casas unha semana despois.

E non poderán volver ata que unha empresa certifique a estabilidade do edificio. Dende o Concello apuntan que tamén será necesario construír un novo muro.

Polo momento unha gran lona cobre a zona afectada para evitar que a chuvia xere máis dano. Son cinco familias as afectadas. Levan unha semana fóra das súas casas polo derrubamento do muro lateral, por mor da rotura dunha tubaxe de auga.

Uns están realoxados en hoteis, outros con familiares e amigos. Esta semana volveron reunirse con bombeiros e policías en busca de información, malia que entenden que o importante é a súa seguridade. Entraron de novo no edificio, pero só para recoller pertenzas.

O colexio Cardenal Cisneros tamén quedou afectado, porque os cascallos caeron sobre o patio. Os nenos puideron volver ás aulas dous días despois. Polo momento teñen prohibido empregar este espazo.

Os técnicos colocaron palla para que filtre a auga e comezar cos traballos de restauración da zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade