Publicador de contidos

Publicador de contidos

Satisfacción nas familias do Villa de Pitanxo tras saber que a Audiencia Nacional segue coa investigación do accidente

Satisfacción nas familias do Villa de Pitanxo tras saber que a Audiencia Nacional segue coa investigación do accidente

Agardan que frutifique o compromiso de España ante a UE de baixar cun robot ao pecio

Reclaman que non se esgoten as vías para saber que pasou no naufraxio, que deixou 21 persoas mortas, das que doce continúan desaparecidas

G24.gal 05/11/2022 10:08 Última actualización 05/11/2022 13:45

As familias dos náufragos do Villa de Pitanxo acolleron con sorpresa a rápida decisión da Audiencia Nacional de seguir coa instrución do accidente do arrastreiro galego en Terra Nova. Maria Xosé de Pazo, voceira dos familiares, amosaba no espazo BD da TVG a súa satisfacción ante a resolución.  Desestimaba o tribunal os recursos da Fiscalía e da armadora que solicitaban que a causa continuara nos xulgados de Marín.

"Moito alivio para nós pola decisión da Audiencia Nacional. Levamos nove meses esperando ter un tribunal en firme, sen tantas voltas e reviravoltas de marín a Madrid ou Vigo para investigar. Non sabiamos onde se ía instruír a causa, o que agora queda despexado", asegura María Xosé de Pazo, voceira das familias.

Aseguran tamén que o 25 de outubro na comisión da UE que os recibiu, a Comisaria Europea responsable de Seguridade Marítima, con eurodeputados de todos os países membros presentes, lles dicía que España lle comunicou que ía baixar cun robot.

"A alta funcionaria da UE nos dixo que España lles transmitiu que só quedaría rematar os trámites precisos para licitar a operación. Non temos outra información, agás que tan só 48 horas despois o delegado do Goberno en Galicia declaraba que só se baixaría ao barco se a Comisión de accidentes Marítimos así o determinaba. El di unha cousa e a contraria. Mestura a vía xudicial, coa vía técnica e outra cousa como a iniciativa europea que avala ás familias e que é o que pedimos e que se votou por unanimidade", di María Xosé de Pazo.

As familias agradecen o apoio recibido por parte da Xunta de Galicia e de Europa desde o tráxico naufraxio e botan de menos un pouco se sensibilidade por parte do Goberno de España.

"Desde a Xunta foi constante o apoio con chamadas diarias da conselleira do Mar. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceuse a sufragar o custo do robot que ofreceu Noruega, aínda que as competencias son distintas. Hai unha diferenza "abismal" no trato do Goberno central. Na UE están a ser empáticos con nós, comprensivos ante a desgraza", asegura María Xosé de Pazo.

Insisten as 21 familias do Villa de Pitanxo que queren que se instrúa a causa, que se saiba verdade do que pasou e que xa haberá tempo para outras cousas. Aseguran que teñen tesón e paciencia para continuar ata o final e só piden un pouco de empatía e que as autoridades escoiten cando menos as persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade