Sara Guerrero mellora no tríatlon da man do seu adestrador, Gómez Noya
Compartimos un adestramento coa triatleta do momento, e co seu técnico, que se coñecen de toda a vida
Sara Guerrero escoita e atende. Aprende do mellor.
"Dereita rotondiña, nos xiros hai boa visibilidade pero estade atentos"
A triatleta naronesa é un dos 8 integrantes do Team España Elite. O grupo español de alto rendemento que se prepara en Pontevedra baixo as ordes de Javier Gómez Noya, con miras aos xogos olímpicos. Pero entre Sara e Javi o vencello xa ven de lonxe.
Javier Gómez Noya, responsable técnico do Team España Elite: "Practicamente coñézoa dende que naceu, si. O seu pai ata hai pouco era adestrador de natación, e eu vina medrar en Ferrol".
Sara Guerrero, triatleta "En Ferrol el era moi coñecido, había pancartas co seu nome. Sempre foi o meu referente e agora telo como adestrador é incrible".
Sara é afillada de José Rioseco, mentor e primeiro adestrador de Gómez Noya.
Sara: "O meu padriño deume unhas lentes de Javi para adestrar. As lentes do campión do mundo".
Javi: "Traballadora ,con talento e estamos axudando a conseguir os resultados que creo que merece".
Resultados que xa empezaron a chegar. Acadou o seu primeiro podio nunha Copa do Mundo hai un mes en Chengdú, A China. E na Coruña, revalidou o título de campioa de España.
Javi: "Está acadando a súa madurez deportiva, collendo bos resultados e ten potencial para conseguir moito máis. É unha atleta moi completa e traballadora".
No que está a ser o seu mellor ano, prepara agora a Copa do Mundo de Tísza uivarós, en Hungría. E despois o gran reto en Hamburgo coa elite.
Javi Gómez Noya: "Vai estar nas Series Mundiais de Hamburgo que e unha competición importante para ela medirse ás mellores do mundo".
Sara: "O grande obxectivo do ano é ese, pouco a pouco irme asentado e buscando o meu lugar nas series mundiais, e o ano que vén en Pontevedra a ver se podo dar a badalada".
Pero a meta de todos son os Xogos Olímpicos dos Ánxeles.
Javi: "Obxectivo ambicioso, pero ten que intenta clasificarse e imos facer todo o posible para conseguilo".
Un camiño que percorrerá baixo a atenta mirada do seu referente, o pentacampión do Mundo.