Santiago viaxa ao século XIX para conmemorar o banquete de Conxo
Os universitarios desafiaron os poderes da época e apostaron pola igualdade
A festa que conmemora o Banquete de Conxo celebrou á súa sexta edición cun bo número de participantes.
"Cada vez somos máis. Na carballeira do banquete abriron a veda para coller as mesas ás nove e ás nove e cuarto xa non había", asegura unha muller.
O 2 de marzo de 1856 na mesma carballeira do barrio santiagués de Conxo, os universitarios, fillos de ricos, desafiaron os poderes da época e, fronte á división social en estamentos, apostaron pola igualdade.
"Dixeron, ímoslle servir nós unha comida ao pobo máis pobre", explica unha participante.
"Brindaron polo ben duns e doutros, pero a xente que gobernaba non o viu ben e houbo represalias e presos", engade outro.
Uns 169 anos despois, o barrio recrea este fito pola fraternidade, cun xantar popular, foliada e representacións teatrais, entre outros actos.
"Compartimos todo, o paseo, a comida, o baile, a música. É un día de romaría para a xente de Santiago", describe unha das partícipes.
"Que sigan destacando a súa esencia como pobo galego paréceme espectacular e poder compartirlo con xente de todo o mundo é divino e moi rico para a súa cultura", opina unha uruguaia integrada na festa.
O encontro rematou con música tradicional, espectáculos de animación e maxia e moito baile.