Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago Besteiro, do taller rural ao mercado internacional do luxo

Santiago Besteiro, do taller rural ao mercado internacional do luxo

Este artesán de Monterroso mestura pel con madeira e con pedra

Comezou facendo bolsos e agora tamén se dedica ao interiorismo

Nun días expón en Bruxelas como finalista do premio Europeo de Artes Aplicadas

G24.gal 01/12/2021 21:20

Hai produtos da artesanía galega que saltan do noso rural ao mercado internacional do luxo. Os traballos con coiro de Santiago Besteiro son un exemplo: dende o seu taller nunha aldea pasan a países de Europa e máis aló.

Tal custa chegar ao seu obradoiro rural de Monterroso e con que facilidade saltan as ideas de aí ata o mercado internacional. "Traballamos con deseñadores franceses que traballan con grupos do mercado do luxo", conta este artesán e deseñador.

Tamén alemáns, ingleses, australianos... Clientes que buscan un produto de calidade, ben executado pola man. "E tamén sostibles. Nós traballamos con materiais sostibles. Teño aí esa peza que combina a pel coa madeira de pradairo".

E combina pel con pedra, pois tamén foi canteiro ademais de escultor en madeira. Pero é sobre todo un artesán do coiro que di vivir un bo momento.  "Estamos a vivir un momento de transición no sistema de produción dentro da sociedade, e está a coller moito auxe o tema da artesanía", celebra Besteiro.

Inflúe o respecto pola técnica de sempre e a inflúe a formación que axuda a renovala. Inflúe o respirar a terra que pisamos. "Para min a natureza e todo o que me rodea é un punto de partida para xerar novas ideas e novos deseños".

Nuns días, de Monterroso irán a Bruxelas para expoñer como finalistas do Premio Europeo de Artes Aplicadas. E en primavera, a Italia. "Participaremos no Homo Faber, que é unha exhibición internacional de artesanía que se celebra nun palacio en Venecia".

Nos produtos do seu taller non atopamos o selo de marcas de luxo, pero si o fío que une o noso rural co mercado internacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos