Máis dun milleiro de convidados arroupan a Televisión de Galicia na súa gala de 40 aniversario
A gala 'Día G', presentada por Xose Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, homenaxea o audiovisual galego; emitirase o venres, Día de Galicia, no prime time da TVG
Esta noite poderemos ver en directo en TVG, G24.gal e AGalega.gal (23:25 horas) unha programación especial cos Fogos do Apóstolo e un espectáculo con máis de 200 drons en Sanxenxo
A conmemoración do 40 aniversario prolongarase ao longo de varios días cunha programación especial
A Televisión de Galicia celebrou este mércores catro décadas de vida cunha gala especial que reuniu máis dun milleiro de convidados no Pazo de Congresos de Santiago.
O evento, presentado por Xosé Ramón Gayoso, Arturo Fernández, Noelia Rey e Aitana del Mar, rendeu homenaxe á traxectoria da canle pública nun emotivo programa que se emitirá o venres 25, Día de Galicia, no prime time baixo o título ‘Día G’.
O encontro reuniu representantes institucionais, do ámbito audiovisual e traballadores e extraballadores da canle.
Entre as autoridades acudiron á cita o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
Tamén participaron figuras destacadas das producións informativas e de entretemento da TVG e da Radio Galega, ademais de centos de traballadores actuais e xubilados, nun recoñecemento colectivo ao labor e compromiso que fixeron posible a historia dos medios públicos galegos.
A gala ‘Día G’ ofrécese como unha homenaxe audiovisual, participativa e cargada de emoción, cun repaso á evolución da canle a través da presenza de rostros históricos e actuacións de artistas emblemáticos da cultura galega como Luz Casal, Treixadura, Tanxugueiras, Heredeiros da Crus, Ortiga, D’Ninghures, Malvela ou G Face, entre outros.
Unha programación especial para celebrar o país
A conmemoración do 40 aniversario prolongarase ao longo de varios días cunha programación especial.
O xoves 24, a TVG. G24.gal e a plataforma AGalega.gal ofrecen en directo a entrega das Medallas de Galicia, que este ano distinguen os alcaldes do Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio.
Esta mesma noite, programación especial desde as 23:25 horas. O espazo ‘Mirade arriba’, presentado desde a praia de Silgar en Sanxenxo por David Espiño e Rocío Delgado, iluminará o ceo da vila cunha espectacular coreografía aérea con máis de 200 drons, acompañada dunha narración que renderá tributo ás catro décadas da TVG. Tamén poderemos velo en directo en TVG, G24.gal e AGalega.gal.
A noite culminará coa conexión en directo cos tradicionais Fogos do Apóstolo desde tres escenarios emblemáticos de Compostela: a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque de Carlomagno.
Xa o venres 25, Día de Galicia, a cobertura especial continuará coa retransmisión en directo da Ofrenda ao Apóstolo Santiago desde a Catedral, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como delegado rexio.
A cultura galega, protagonista
O aniversario da TVG será tamén unha celebración do audiovisual galego.
Os días 24 e 25 emitiranse dúas longametraxes galegas: ‘Amigos ata a morte’, comedia dramática de Javier Veiga, e ‘Salta!’, unha proposta familiar de ciencia ficción protagonizada por Marta Nieto e Tamar Novas.
O domingo 27, o programa ‘No Foco’ ofrecerá unha edición especial centrada nos 40 anos da TVG, mentres outros espazos como ‘Treixaromaría’ (xoves 24) e ‘Búscate nas festas’ (sábado 26) achegarán, desde a memoria e o entretemento, novas olladas sobre a historia compartida entre a canle e o seu público.