Publicador de contidos

Publicador de contidos

Climántica busca máis implicación nas aulas co futuro do planeta

Climántica busca máis implicación nas aulas co futuro do planeta

O proxecto ofrece ferramentas didácticas sobre o cambio climático

G24.gal 07/05/2022 14:52 Última actualización 07/05/2022 15:10

Especialistas en ciencia e didáctica expoñen en Santiago a súa experiencia educando sobre o cambio climático. Baixo o paraugas do proxecto Climántica expoñen, sobre todo a docentes, os mellores xeitos de levar a ciencia ao alumnado co fin de sensibilizar e formar futuros profesionais que investiguen sobre os cambios que lle están afectando ao noso planeta, e que finalmente repercuten en todos os seres humanos.

Climántica, que xa cumpre quince anos, é un proxecto educativo auspiciado pola Xunta e pola Unión Europea, recorre a ferramentas didácticas que permitan divulgar o coñecemento científico e as consecuencias que o clima ten sobre as nosas vidas.

"Que os rapaces sexan quen de trasladarlle á sociedade con rigor a problemática do reto global do cambio climático e as problemáticas globais sobre a saúde dos ecosistemas e das persoas", explica o director do proxecto, Francisco Sóñora.

Entre os relatores, referentes galegos da xenómica mundial, que analizaron as consecuencias que a seca, a contaminación ou a sobreexplotación dos recursos teñen sobre as especies, como as que poden condenar á extinción, e argumentaron por que cómpre máis concienciación.

"É algo que aquí temos moito que mellorar en Galicia. Quen non vai por unha corredoira que estea un día e outro tirados unha lavadora ou un televisor. Aínda vivimos moito ás costas e cómpre moita educación, pero vai mellorando", mantén Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela.

Para loitar por un planeta sostible cómpre unha divulgación científica eficaz que chegue ao alumnado de agora, a cidadanía do mañá.

"Darlles coñecemento pero tamén ferramentas, clásicas e novas, dixitais, e colocar os estudantes no punto principal do proceso", propón Pedro Pombo, director da Fábrica Centro de Ciencia viva de Aveiro, en Portugal.

Formar o profesorado para que poida comunicar eficazmente os problemas do clima é a mellor garantía dun futuro sostible e perdurable.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade