Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade elimina a mención ao alcol na recomendación de dieta saudable

Sanidade elimina a mención ao alcol na recomendación de dieta saudable

A Estratexia de Saúde Cardiovascular aprobada este mércores obriga os locais a ofreceren auga da billa

Cada ano morren máis de 15.000 persoas en España por consumo de alcol

É falso que se vaia prohibir o viño ou a cervexa nos menús do día

G24.gal 27/04/2022 20:09

O Ministerio de Sanidade e as comunidades aprobaron este mércores a Estratexia de Saúde Cardiovascular (Escav), na que recomendan promover na restauración unha dieta mediterránea sen alcol. Tamén regula obriga de que os locais oferten por defecto auga da billa.

Na elaboración desta estratexia traballou un Comité Científico formado por multitude de sociedades e especialistas como cardiólogos, médicos de familia, intensivistas ou salubristas, e outro institucional integrado por técnicos de Sanidade e Consumo e das comunidades.

O borrador da estratexia incluía un parágrafo no que se expuña a colaboración "con establecementos de restauración para promover a dieta mediterránea como modelo de alimentación cardiosaludable, sen incluír nela o consumo de alcol".

Con todo, no texto definitivo que saíu adiante no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, eliminouse esta mención explícita ao alcol. O parágrafo queda "con establecementos de restauración para promover a dieta mediterránea como modelo de alimentación cardiosaludable".

As mesmas fontes aclaran que a estratexia si lembra os efectos nocivos do alcol para a saúde cardiovascular e mantén o resto de alusións que facía o borrador a esta substancia; o motivo de eliminalo é facer o consello máis xenérico, pois o plan inicial non tiña en conta outros alimentos non saudables.

O que propoñen os expertos no documento é o fomento dun estilo de vida saudable para evitar o impacto das enfermidades cardiovasculares, que constitúen a principal causa das mortes no noso país: en 2020, unha de cada catro (119.853, o 24,3 %) producíronse por este tipo de patoloxías, por encima dos tumores (22,8 %), segundo os últimos datos do INE. E todo iso agravouse coa pandemia.

Ante este escenario expoñen 32 obxectivos divididos en 8 eixos centrais para reducir este impacto e promover a saúde cardiovascular na cidadanía mediante o desenvolvemento dunha "abordaxe integral que facilite a adopción de estilos de vida e contornas saudables e sostibles".

E iso inclúe evitar factores de risco, como a alimentación non saudable, o sedentarismo, a falta de actividade física e o consumo de tabaco e de alcol.

Con este propósito, recomendan, entre unha longa batería de consellos, "regular a presenza e contido de alimentos e bebidas nas cafeterías e máquinas expendedoras das institucións da administración pública e todos os centros educativos, públicos ou privados, de forma que maioritariamente se oferten produtos saudables e bebidas libres de alcol".

Avogan tamén por políticas fiscais e de prezos para promover unha alimentación saudable, mellorar a regulación da publicidade de alimentos, bebidas non saudables e bebidas alcohólicas ou a da oferta alimentaria de institucións da administración pública, incluídos centros sanitarios e deportivos, e centros educativos públicos e privados.

O alcol, lembran, foi asociado no pasado con algúns beneficios na saúde cardiovascular, pero é "insuficiente para compensar a mortalidade polo conxunto doutras causas e, por tanto, debe ser considerado un factor de risco". De feito, é a primeira causa de mortalidade atribuíble no mundo en poboación de idade entre 25 e 49 anos.

O consumo de alcol produciu anualmente 15.489 mortes durante o período 2010-2017, o 74 % eran homes.

Por outra banda, o tabaquismo foi a principal causa de morbimortalidade cardiovascular prematura á que se atribúen entre o 21,8 % e o 30,3 % das mortes. Para frear este hábito, propoñen "ampliar os espazos libres de fume e promover os fogares libres de fume" ou "equiparar a actual regulación sobre espazos sen fume aos produtos novos de tabaco".

O Ministerio de Sanidade emitiu un comunicado para insistir en que o seu obxectivo é conseguir mellorar a saúde cardiovascular da poboación e promover a adopción de hábitos de vida saudable, de maneira que establece unha serie de recomendacións, "non prohibicións de ningún tipo", polo que é "falso que se vaia a eliminar dos menús do día bebidas como o viño ou a cervexa".

"A difusión de informacións non veraces deste tipo prexudica a difusión de mensaxes relacionadas coa prevención da enfermidade e a promoción da saúde", lamentan dende o Ministerio de Sanidade.

Desde a Comunidade de Madrid, a súa presidenta, Isabel Díaz Ayuso, publicara previamente un chío  coa imaxe dunha copa de viño e a seguinte mensaxe: "Un bo viño como o que os señores do Goberno nos queren prohibir".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade