Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade convidará 900.000 maiores de 60 anos a participaren nun ensaio sobre a eficacia da vacina do VRS

Sanidade convidará 900.000 maiores de 60 anos a participaren nun ensaio sobre a eficacia da vacina do VRS

O ensaio pretende reducir os ingresos hospitalarios por un virus cuxos síntomas poden agravarse en persoas maiores ou con patoloxías crónicas

O primeiro bebé do mundo en inmunizarse fronte ao VRS foi en Galicia, cando Sanidade incluíu esta vacina no calendario, en 2023, e desde entón as hospitalizacións reducíronse nun 90 %

Arquivo Europa Press
G24.gal 28/11/2025 13:11 Última actualización 29/11/2025 08:41

A Consellería de Sanidade e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) inician este venres o ensaio denominado Sincitial, para comprobar a eficacia da vacina fronte ao virus respiratorio sincipital (VRS), e convidará 900.000 maiores de 60 anos a participar no estudo.

Deste xeito, ofrecerase os galegos a partir desas idade a oportunidade de vacinarse con Abrysvo, unha medicación xa aprobada polas autoridades sanitarias para a prevención deste virus, e preténdense verificar na práctica a redución de ingresos hospitalarios entre a poboación.

Como explicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo, os pacientes non terán que facer "nada". Simplemente, cando vaian poñer a vacina da gripe ou da covid, ou cando acudan a calquera centro de saúde ou hospital, informaranos sobre a posibilidade de participar neste ensaio clínico de maneira voluntaria.

Se acepta, terá un 50 % de posibilidades de recibir a vacina que se estuda, unha decisión que virá marcada de forma aleatoria a través dunha plataforma informática. Deste xeito, poderase estudar a diferenza entre as persoas vacinadas e as que non recibiron o medicamento fronte a un virus que, na maioría de casos, provoca síntomas leves parecidos a un arrefriado, pero que poden agravarse en persoas maiores ou con patoloxías crónicas.

A administración da vacina

En caso de ser asignado ao grupo de vacinación, administraráselle a vacina nesa mesma asistencia sanitaria ou nun momento posterior, como decida o paciente. En calquera caso, antes de poñer a vacina, o persoal verificará que non existen contraindicacións.

Se o paciente é asignado ao grupo de non vacinados, non se realizará ningún procedemento adicional.

O estudo non implica ter que acudir a ningún seguimento clínico, porque a información necesaria obterase do historial electrónico de cada paciente.

Neste ensaio participan case 250 centros sanitarios e máis de 700 profesionais en Galicia, e as persoas que desexen máis información sobre o mesmo poden obtela no teléfono gratuíto 900 842 217.

A Xunta lembrou que o primeiro bebé do mundo en inmunizarse fronte ao VRS foi en Galicia, cando a Consellería de Sanidade incluíu esta vacina no calendario, en 2023. Esta medida, subliñaron fontes de Sanidade, permitiu reducir en máis dun 90 % as hospitalizacións por este virus -que provoca bronquiolite- en nenos inmunizados.

Antonio Gómez Caamaño explicou que o estudo Sincigal pretende "avaliar na vida real" a eficacia desta vacina, que xa demostrou "moitísima eficiencia" no caso de bebés.

Campaña da gripe

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade referiuse á campaña da gripe, e confirmou que a enfermidade está en tendencia crecente, con risco baixo e difusión plenamente local. "Estamos nun aumento en consultas, en Atención Primaria, e de ingresos en hospitais da xente máis maior", detallou.

Respecto diso, insistiu na necesidade de vacinarse, algo "fundamental" para "descargar" de casos graves, que son os que representan a demanda asistencial. A campaña xa está en marcha, con citas programadas nos centros de saúde. E esta semana vanse realizar xornadas de reforzo nalgúns hospitais, como o Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde esperan uns 2.500 pacientes.

O último informe do Sergas rexistra un aumento na taxa de consultas en atención primaria dun 40,3 % con respecto á semana anterior. Subiron en tódolos grupos de idade, sobre todo entre os nenos de ata catro anos e, duplicáronse, por exemplo, na área de Vigo. 

Na última semana 223 persoas ingresaron no hospital en Galicia con gripe confirmada. No que vai de temporada da gripe notificáronse 1.056 ingresos, a maioría deles con virus tipo A. 

Uso de máscaras

Con respecto ao uso de máscaras, que se abordará este venres no Consello Interterritorial de Saúde, Gómez Caamaño aclarou que "a Xunta non rexeita o uso de máscaras", senón "todo o contrario", xa que "o recomenda", especialmente neste momento, en centros de saúde, para profesionais e pacientes, e en servizos de urxencias hospitalarias e extrahospitalarias. A estes espazos engádense outros onde se recomenda o seu uso, como as UCI, ou os hospitais de día de oncohematoloxía.

Con todo, matizou que a administración autonómica "non pode obrigar ao uso de máscaras" porque non ten a competencia para facelo. "É unha competencia do Goberno central que, a través dunha Lei Orgánica, como di o Tribunal Constitucional, pode obrigar ao uso de máscaras", insistiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade