O Ministerio de Sanidade confirma que un turista con hantavirus está asintomático e illado en Galicia
O Ministerio de Sanidade confirma que un turista con hantavirus está asintomático e illado en Galicia
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta activou o protocolo de vixilancia epidemiolóxica para o hantavirus
Non é necesario que ingrese nunha unidade de illamento e tratamento de alto nivel porque está asintomático
Están a reconstruír as súas últimas 6 semanas para detectar posibles contaxios
O Ministerio de Sanidade confirmou que un viaxeiro francoarxentino está illado no seu aloxamento en Galicia tras dar positivo por hantavirus nunha mostra recollida hai uns días en Francia, pero non é necesario que ingrese nunha unidade de illamento e tratamento de alto nivel (UATAN) porque está asintomático.
"Este xoves tivemos coñecemento de que un cidadán francoarxentino de viaxe por Europa, e que nestes momentos atópase en territorio español, en Galicia, deu positivo a hantavirus por mor dunha mostra tomada hai uns días en Francia por un cadro respiratorio leve", din fontes do Ministerio de Sanidade.
O paciente "acudiu aos servizos médicos en Francia, cun cadro moi leve que se identificou como hantavirus", en concreto a variante andes. Segundo as mesmas fontes, o turista "despois viaxou a España xa asintomático e, polo tanto, xa non podía contaxiar" e está á espera de que se decidan as accións para xestionar o caso e os posibles contactos.
A detección deste caso ten lugar un mes despois de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) dese por finalizado o gromo no cruceiro MV Hondius, que se desatou en abril e que obrigou a unha complexa operación de evacuación dos ocupantes do buque en Tenerife.
A consellería de Sanidade vixía os contatos estreitos
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta activou o protocolo de vixilancia epidemiolóxica para o hantavirus, tras coñecer o caso deste home que, durante estes días facía unha parada en Galicia.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, púxose en contacto coa ministra, Mónica García, e solicitoulle información "coa máxima celeridade" para identificar o caso e aplicar os protocolos pertinentes.
Unha vez coñecida a información, a Dirección Xeral de Saúde Pública procedeu a aplicar o protocolo para estes casos, que consiste en enquisas ao propio afectado e aos seus contactos estreitos, xunto coas indicacións que deben seguir.
Francia traza en tres rexións os contactos de risco do caso de hantavirus de Galicia
Francia está a seguir o percorrido que fixo o contaxiado en tres rexións do país a finais de xullo para identificar os contactos de risco, que terán que illarse na casa durante seis semanas.
A directora xeral adxunta de Sanidade de Francia, Sarah Sauneron, explicou que o turista estivo na segunda quincena de xullo en Nova Aquitania, Normandía e Ile de France, e que se están trazando os desprazamentos que fixo alí para determinar quen serán considerados contactos de risco.
Serán, a partir dos estándares da Organización Mundial da Saúde (OMS), os que conviviron con el baixo o mesmo teito, os que estiveron en contacto estreito (a menos de dous metros) durante polo menos 15 minutos e o persoal médico que puido atendelo sen protección particular.
Todos eles terán que illarse no seu domicilio e para comprobar que o fan e que o seu estado de saúde vai ben serán contactados regularmente polas respectivas Axencias Rexionais de Sanidade (ARS), precisou Sauneron.
O resto das persoas que se consideren contactos, pero non de alto risco, non terán restricións de saída, pero si que se lles pedirá que apliquen unha "autovixilancia".
"Estamos nunha situación diferente á do cruceiro MV Hondius da pasada primavera, porque a partir desa experiencia sábese que non houbo casos de contaxios secundarios", sinalou a responsable sanitaria francesa nunha mensaxe tranquilizadora.