Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia comunica dous novos casos de hepatite infantil de orixe descoñecida

Galicia comunica dous novos casos de hepatite infantil de orixe descoñecida

Os dous casos pertencen á área sanitaria de Vigo e con eles son xa cinco os detectados en Galicia

G24.gal 06/05/2022 11:32 Última actualización 06/05/2022 11:56

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade reportou este venres ao Ministerio de Sanidade dous novos casos de hepatite infantil de orixe descoñecida en Galicia.

Os dous casos pertencen á área sanitaria de Vigo. Un deles pasou a enfermidade no mes de marzo e o outro está actualmente ingresado, aínda que "evoluciona favorablemente", segundo informan as autoridades sanitarias.

Con esta actualización, indica Sanidade nun comunicado, son xa cinco os casos detectados en Galicia desde que se trasladou a alerta por esta patoloxía por mor dun incremento dos casos identificados no Reino Unido.

Os dous primeiros casos notificados foron feitos públicos por Sanidade o pasado 19 de abril, un na área da Coruña e outro na de Vigo. No seu momento, indicou a Consellería que un pasou a enfermidade en xaneiro e o outro estaba en recuperación cunha evolución clínica positiva.

O terceiro caso rexistrouse na área sanitaria de Vigo e sucedeu en febreiro. Cando informou do mesmo Sanidade indicou que a persoa estaba asintomática e coa "analítica normalizada".  

Con todo, a Consellería de Sanidade incide en que o sistema sanitario galego "permanece alerta" na detección de casos.

O Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade xa foi informado destes dous novos casos e xa conta coa información relativa aos dous pacientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade