Sanidade investiga un gromo de hepatite en Narón
Ata o momento confirmáronse oito casos
Sanidade propuxo vacinar 20 contactos dos afectados para evitar a propagación
Un gromo de hepatite A en Narón preocupa as autoridades sanitarias. Ata o momento hai oito casos confirmados e estase estudando se existe algunha relación entre eles.
O primeiro caso data do 2 de xuño e do último sóubose o día 26.
Sete dos afectados tiveron que ser hospitalizados. Este luns, aínda hai tres persoas ingresadas. Unha delas podería recibir a alta nas vindeiras horas.
Polo de agora descoñécese a orixe dos contaxios e estanse facendo probas para determinar unha posible relación entre eles.
A Consellería de Sanidade remitiu mostras ao Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto Carlos III para determinar se se trata dun mesmo gromo.
Dende a Consellería de Sanidade lembran que a mellor forma de previr a enfermidade é a vacinación.
Por iso recomendaron vacinarse a 20 persoas que foron contactos estreitos dos pacientes e son grupos de risco.
A hepatite A é unha enfermidade infecciosa aguda causada polo virus da hepatite A (VHA). Segundo apuntan desde Sanidade, a infección pode presentarse de forma asintomática, subclínica ou clínica.
Os síntomas van desde a falta de apetito, náuseas, malestar xeral ata a aparición de cor amarela da pel e das mucosas e lesión hepática.
A duración dos síntomas vai dende unha semana ata varios meses.
Transmítese principalmente de persoa a persoa, por vía fecal-oral.
Os contaxios adoitan estar relacionados co consumo de auga ou alimentos contaminados por manipuladores infectados; o consumo de alimentos crus ou manipulados tras a súa cocción; o consumo de moluscos procedentes de augas contaminadas, de vexetais contaminados e as prácticas sexuais oroanais ou oroxenitais.