Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Imos ir por todas", Sánchez anuncia novos impostos ás eléctricas e aos bancos e pide un esforzo no aforro enerxético

"Imos ir por todas", Sánchez anuncia novos impostos ás eléctricas e aos bancos e pide un esforzo no aforro enerxético

"O grande reto que hoxe ten España chámase inflación" afirma o presidente do Goberno

Os cidadáns teñen a opción de pórse "en mans dun médico ou dun curandeiro", di Pedro Sánchez

O xefe do Executivo anuncia novas medidas contra a inflación: bonos de tren gratuítos e 100 euros complementarios nas bolsas de estudo 

Podemos, satisfeito coas medidas de Sánchez, que non covence á oposición

Pedro Sánchez na súa intervención no Congreso (EFE/Javier Lizón)
G24.gal 12/07/2022 11:45 Última actualización 12/07/2022 14:45

O presidente do Goberno Pedro Sánchez abriu este martes no Congreso o seu primeiro debate sobre o Estado da Nación, o vixésimo sexto da democracia, asegurando: "Hoxe a historia convócanos de novo", ante unha situación de crise global e doméstica, tras superar a "peor pandemia dos últimos cen anos".

"O gran reto que hoxe ten España chámase inflación", asegura o presidente do Goberno, que di que os cidadáns teñen a opción de pórse "en mans dun médico ou dun curandeiro".

Sánchez iniciou a súa intervención cunha mensaxe de confianza aos cidadáns para remontar esta nova crise, como xa se fixo con outras situacións parecidas durante a democracia.

“A pesar de todas as discrepancias, medos e tropezos, os españois nunca perdemos a confianza en nós mesmos. Soubemos estar xuntos cando os problemas ameazaron a nosa convivencia”, afirmou.

No seu primeiro debate de política xeral como xefe do Goberno, Sánchez tivo tamén palabras para condenar a guerra en Ucraína e o comportamento “desapiadado” do presidente ruso Vladimir Putin

En canto á inflación, dixo Sánchez, non é un problema exclusivo de España e é consecuencia da pandemia de coronavirus e da guerra en Ucraína.

Sánchez subliñou que os cidadáns deben decidir ante ese problema se cren no diagnóstico do "curandeiro" ou no dos "médicos especialistas".

O curandeiro, dixo, non dispón de coñecementos científicos nin de datos, nin pretende curar a enfermidade, senón beneficiarse dela.

"O curandeiro dinos que a inflación é culpa do Goberno", engadiu o xefe do Executivo, quen advertiu de que esa mensaxe reafirma "prexuízos ideolóxicos" e é propagada "desde potentes altofalantes mediáticos".

Tras cualificar de "absurda" esa tese, garantiu que o Goberno vai asumir as súas responsabilidades e vai seguir actuando para facer fronte á inflación, "pero non con solucións falsas nin enganosas e menos aínda con solucións inxustas". 

Novos impostos ás eléctricas e ás entidades financeiras

Cando levaba uns 40 minutos de intervención, Pedro Sánchez fixo o seu primeiro grande anuncio: un novo imposto para gravar os beneficios extraordinarios das empresas eléctricas e outro ás entidades financeiras"Este Goberno non vai permitir que o sufrimento de moitos sexa o beneficio duns poucos", afirmou.

Sánchez dixo que o imposto ás eléctricas prevé recadar uns 2.000 millóns de euros.

O presidente do Goberno detallou que o imposto aos "grupos dominantes" en electricidade, gasistas e petroleiras estará en vigor durante 2023 e 2024 e afectará os beneficios extraordinarios logrados por estas empresas como consecuencia da alza dos prezos da enerxía durante 2022 e 2023 respectivamente.

O que afecta ás entidades financeiras, dixo Sánchez "que xa se están beneficiando da suba dos tipos de xuro", permitirá recadar 1.500 millóns cada exercicio. 

En total, estes impostos sumarán 7.000 millóns de recadación nos dous exercicios.

Durante a súa intervención, o presidente pediu ás grandes empresas que demostren a súa responsabilidade social e corporativa no momento actual revertendo os seus beneficios extraordinarios en traballadores e consumidores.

Sánchez avanza que terán que adoptarse medidas de aforro enerxético

O presidente do Goberno avanzou que se van ter que adoptar medidas de aforro enerxético e haberá que impulsar un aumento do teletraballo, fomentar o transporte público, baixar algún grao a calefacción ou subilo no aire acondicionado. "Podemos facelo e ímolo facer", dixo.

Ningunha destas medidas que se adopten, afirmou Sánchez durante a súa intervención no debate sobre o estado da nación, atentarán contra o modo de vida dos españois, "pero si serán accións que permitan defender os nosos valores e o noso modo de vida cando se ve atacado".

O xefe do Executivo insistiu en que aínda que España non é dos países que máis afectado vese polas consecuencias enerxéticas da invasión rusa de Ucraína, quere arrimar o ombreiro en Europa: "Non só estamos aquí para ser axudados, como na pandemia, queremos axudar cando nos necesitan e isto é unha oportunidade para mostrar ao mundo que somos europeístas non por interese senón por convicción".

"Imos ir por todas"

Pedro Sánchez dixo que poñía o seu empeño na defensa das clases medias traballadoras cun paquete de medidas económicas e sociais, coas que, asegurou: "Imos ir por todas".

Engadiu, ademais do anuncio dos novos impostos ás eléctricas e aos bancos, que serán gratuítos os aboamentos de Renfe de proximidade, rodalies e media distancia ata o 31 de decembro e haberá unha bolsa complementaria de 100 euros mensuais para todos os estudantes maiores de 16 anos que xa gocen dunha bolsa.

Tras expoñer esas medidas recalcou que o seu Goberno non será como os do PP durante a crise financeira, "forte cos débiles e débil cos fortes", e ten clara a súa ruta e as súas prioridades gobernando para a maioría social de España.

"Este é o meu empeño. Imos ir por todas. Non hai nada máis poderoso que o esforzo colectivo dunha nación. Que absolutamente ninguén esqueza esta premisa", recalcou. 

Para rematar, o presidente do Goberno quixo ser optimista. "Temos o privilexio de vivir no mellor país do mundo", afirmou, "podemos superar esta proba e ímolo facer".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar