Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez reflexiona sobre a súa continuidade: que pasaría se renuncia?

Sánchez reflexiona sobre a súa continuidade: que pasaría se renuncia?

Non pode convocar eleccións antes do 30 de maio, pero si someterse a unha cuestión de confianza

Outra opción sería ceder a Presidencia a outro socialista, pero iso implicaría un novo proceso de consultas do rei e organizar outra investidura, que, co mapa político actual, esixiría moitos acordos e complicidades

G24.gal 25/04/2024 08:03 Última actualización 25/04/2024 17:23

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, mantén este xoves o seu traballo de despacho no Palacio da Moncloa mentres medita sobre a súa continuidade á fronte do Executivo.

Sánchez anunciou o mércores que cancelaba a súa axenda pública ata o luns para reflexionar se renunciaba á Presidencia tras a campaña de "acoso e derruba" que cre que hai contra el e que inclúe a apertura de dilixencias contra a súa esposa, Begoña Gómez, por parte dun xulgado de Madrid tras unha denuncia de Manos Limpias.

Na carta á cidadanía na que comunicaba esa decisión aseguraba que a pesar da suspensión dos seus actos públicos, seguiría traballando, e iso é o que fontes de Moncloa aseguran que está a facer nesta xornada e fará ata o luns.

As opcións se renuncia

O presidente do Goberno non pode disolver as Cortes antes do 30 maio, transcorrido un ano da anterior disolución, pero si que ten na man someterse a unha cuestión de confianza no Congreso, o cal non require maioría absoluta.

Outra opción sería ceder a Presidencia a outro socialista, pero iso implicaría un novo proceso de consultas do rei e organizar outra investidura, que, co mapa político actual, esixiría moitos acordos e complicidades. A decisión de Pedro Sánchez de parar a súa axenda pública e decidir a súa continuidade ou non no Goberno abriu unha abanico de posibilidades cos seus pros e os seus contras.

Outra vez eleccións en xullo

Unha primeira opción sería manterse na Presidencia para disolver as Cortes e convocar eleccións, pero o artigo 115.3 da Constitución non permite poñer fin á lexislatura antes de que pase un ano desde a anterior disolución, que foi o 29 de maio de 2023, tras a vitoria do PP nas eleccións municipais e autonómicas.

Por tanto, e aínda que a súa idea fora disolver as Cortes, non podería facelo antes do 30 de maio e iso levaría a celebrar eleccións outra vez en xullo, pero esta vez a finais: o primeiro domingo posible sería o 28 de xullo. E todo iso cando xa hai un horizonte electoral no calendario: 12 de maio eleccións catalás e 9 de xuño os comicios ao Parlamento Europeo. Iso si, neste escenario habería opción de aprobar definitivamente a Lei de Amnistía que o PSOE pactou cos independentistas de Junts e ERC e que agora está parada no Senado.

Deixar paso a outra persoa para unha nova investidura

Se entende que non lle "merece a pena" seguir, como desliza na súa carta á cidadanía, Pedro Sánchez podería dimitir para dar paso a que outra persoa se someta a unha sesión de investidura. Pero esa candidatura non sería decisión súa, senón do Xefe do Estado, que tería que abrir unha nova rolda de consultas en Zarzuela e propoñer a quen vise con máis apoios, mentres o resto do Goberno seguiría en funcións.

Así o fixo o presidente Adolfo Suárez cando dimitiu a principios de 1981, pero entón a UCD tiña apoios claros para promover un candidato que puidese superar a investidura, Leopoldo Calvo Sotelo, que o sucedeu.

A última investidura de Sánchez custou meses, e o PSOE tivo que pactar con media ducia de partidos para superar o non de PP, Vox e UPN. Prometéronse medidas como a lei de amnistía, traspasos de competencias ou a ampliación do uso das linguas cooficiais. Abrir de novo esas negociacións co actual hemiciclo e co mapa catalán revolto tras as autonómicas, sería complicado para os socialistas.

Pedir a confianza do Congreso sen necesidade dunha maioría absoluta

Hai unha terceira opción, a priori menos traumática: someterse á cuestión de confianza, un procedemento regulado no artigo 112 da Constitución, que establece que o presidente, previa deliberación do Consello de Ministros, pode expor ante o Congreso a cuestión de confianza sobre o seu programa ou sobre unha declaración de política xeral.

Segundo o Regulamento do Congreso, a cuestión de confianza ten que presentarse mediante un escrito motivado ante a Mesa do Congreso e, unha vez que se admita, deberase convocar o pleno para o seu debate.

O seu debate é similar a unha investidura e a confianza entenderase outorgada cando obteña o voto da maioría simple dos deputados, é dicir, máis si que non. Por tanto, bastaríalle con chegar aos 172 votos para superar a suma de PP, Vox e UPN, e non precisaría do voto a favor de Junts, pois bastaríalle coa abstención. Iso si, se fora derrotado no Congreso produciríase a dimisión e habería que volver ao escenario da rolda de consultas do rei para unha nova investidura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade