Samertolameu completa a remontada e gaña a Liga Galega de traiñeiras
Na ACT confirmouse o descenso de Ares e Cabo asegurou a permanencia
Samertolameu de Meira levou a edición de 2022 da Liga Galega de traiñeiras dun xeito que ninguén agardaba. A falta de dúas probas tiña a competición na man Bueu que dominara a Liga con man de ferro desde a primeira xornada.
O sétimo posto de Bueu en Cesantes non o desaproveitaron os de Moaña que se puxeron como líderes a falta dunha xornada puntuable. Pero Bueu seguía dependendo de sí mesmo. Un triunfo na contra o reloxo da Coruña chegáballe para gañar a LGT. Na segunda ceavoga dominaba con seis segundos de vantaxe sobre Samertolameu, pero o equipo adestrado por Dani Pérez reaccionou e impuxo o seu gran final para acabar por diante.
A Liga ACT visitou Galicia por segunda vez na temporada. Urdaibai gañou en Ares e afianzou a primeira posición con catro puntos de vantaxe sobre Hondarribia.
Ares fixo unha gran regata pero non puido evitar o descenso de categoría. Cabo rematou no quinto posto e conseguiu os puntos que precisaba para certificar a permanencia de xeito matemático.