A ACT chega ao Barbanza con Cabo da Cruz nunha situación límite
O equipo de Boiro está en descenso e a sete puntos de seguir mantendo esperanzas de continuar na máxima categoría do remo
Por primeira vez na temporada a Liga ACT visitará Galicia. Tanto a Euskolabel -masculina- como a Euskotren -feminina- remarán o sábado na Pobra do Caramiñal e o domingo no peirao de Cabo da Cruz. Será unha fin de semana especial para Cabo e para Ares, os dous representantes galegos na máxima categoría.
Ares ten a salvación case garantida. Ocupa o noveno posto da clasificación xeral pero ten máis de vinte puntos de marxe cos postos de perigo. Centrarase neste mes de agosto en afinar a preparación para a clasificatoria da Kontxa que agarda remar por segunda vez na historia. A situación de Cabo é moi diferente. Ocupa o posto de descenso directo, e está a sete puntos de chegar ao play off, a única forma que ten de permanecer nunha liga na que participa ininterrompidamente desde o ano 2014.