Yeremay marca o camiño do Deportivo
O cadro coruñés impúxose no Teresa Herrera con goles do canario e de Zakaria
O Deportivo gañou o Trofeo Teresa Herrera da man dun Yeremay que realizou un gran partido redondeado cun gol no treito final. O canario, coa súa velocidade e calidade, converteuse no factor diferencial para superar a defensa do Le Havre francés.
Tivo un bo inicio o cadro deportivista que nos primeiros quince minutos xerou varias ocasións con remates de Zakaria. O Le Havre reaccionou e mesmo tivo algún minuto de dominio e chegouse ao descanso sen goles.
Tardou en chegar o gol pero no 66 Zakaria acertou a rematar un bo centro de Quagliata, que acababa de entrar no partido. Mella fallou unha ocasión moi clara para poñer o segundo despois dunha xogada de Yeremay que se encargou de sentenciar o partido a cinco minutos do final nunha rápida contra.