Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tirán racha a serie vitoriosa de Chapela na Liga Galega de traiñeiras

Tirán racha a serie vitoriosa de Chapela na Liga Galega de traiñeiras

Na Liga Feminina intercambiaron os papeis e o triunfo foi para Chapela aproveitando un erro nunha ceavoga de Tirán

G24.gal 03/08/2025 20:18

Buscaba o pleno de vitorias Chapela na Liga Galega, pero na sétima xornada apareceu Tirán para impedir o récord. Os de Moaña impuxéronse en Cesantes, moi preto da casa de Chapela, nunha regata marcada pola calor abafante con máis de trinta graos. Tirán conseguiu poñerse en cabeza no segundo longo e xa non soltaría o mando ata o final. De todos os xeitos, o líder segue a ser o equipo de Redondela con 77 puntos e oito de vantaxe sobre o gañador deste domingo, unha diferenza aínda ampla.

Os dous equipos tamén protagonizan o duelo na categoría feminina pero cun desenlace ben distinto. Esta acción, na que Tirán deixou a boia por estribor nunha das ceavogas déixalle o título en bandexa a Chapela. O equipo laranxa aproveitou o agasallo para marchar en solitario e lograr un novo triunfo. E o máis importante, poñer cinco puntos de marxe á fronte da liga, unha distancia case insalvable nas tres xornadas que quedan para o final.

Na Liga ACT de traiñeiras disputouse a Bandeira de Lekeitio, con unha actuación discreta das dúas embarcacións galegas. As dúas participaron na primeira quenda. Ares, con moitas baixas, foi a segunda por diante de Kaiku e de Cabo da Cruz. A traiñeira de Boiro volveu ocupar a última praza, a moita distancia das outras embarcacións.

Unha vez disputadas todas as quendas, Ares foi a novena e Cabo, a duodécima e última, completando así unha mala fin de semana para os galegos logo da proba de onte en Hondarribia. O triunfo foi para Ziérbena e a segunda praza, para Orio, que segue como indiscutible líder da clasificación xeral. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade