Unha saída en tromba encamiña o título de Chapela na Liga Galega
Os de Redondela impóñense en Narón e marcan unha vantaxe co segundo de nove puntos a tres probas para o final do campionato
Triunfo incontestable de Chapela Wofco na Bandeira Concello de Narón. A falta de tres xornadas para o final da Liga Galega de traiñeiras o equipo de Juan Zunzunegui sácalle nove puntos ao segundo clasificado, Tirán, e ten o título moi encamiñado.
Despois de perder a primeira regata da temporada a semana pasada en Cesantes o equipo de Chapela saiu con carraxe cunha champa inicial tremenda na que meteu máis dun bote de diferenza en 400 metros. Grazas a iso conseguiu dominar e lograr o triunfo.
A pelexa pola segunda posición estivo moi pechada durante tres longos pero no derradeiro conseguiu sentenciar Tirán, cada vez máis preto de asegurar o segundo posto e a praza para o play off de ascenso á Liga ACT.
Unha ACT que se remou en Galicia con malas novas para os equipos galegos. Cabo foi última na Pobra do Caramiñal e está cada vez máis afundida no posto de descenso. Ares rematou no penúltimo posto. Non periga a permanencia pero as sensacións das últimas semanas non están a ser tan boas como as do inicio do campionato.