Leylah Fernández nada pode facer para deter a unha imparable Jessica Bouzas
A tenista galega gañou cun dobre 6-3 a unha xogadora que está por riba dela no ránking mundial da WTA
Jessica Bouzas segue imparable na xira americana. Na segunda rolda de Cincinnati derrotou con claridade á canadiana Leylah Fernández (26 do ránking da WTA) por un dobre 6-3.
Viña a tenista galega de gañarlle a Venus Williams e entrou con confianza no partido. No terceiro saque xa lle rachou o servizo á súa rival e acabou o primeiro set con outro break. No segundo set a galega volveu a gañarlle o servizo a Fernández (2-0) que reaccionou e conseguiu poñerse cun 3-2 e servizo para igualar a manga. Pero Bouzas volveu a estar moi acertada ao resto e sumou o cuarto break do partido nun xogo que acabou sendo decisivo. Coa tranquilidade de ter dous xogos de vantaxe acabou o set con outro 6-3 e meténdose na terceira rolda do Másters 1.000 previo ao US Open.