Jessica Bouzas cae diante de Andreeva no Másters 1000 da China
A galega queda ás portas dos oitavos de final diante da quinta mellor xogadora do mundo
Tiña un emparellamento moi complicado a vilagarciá Jessica Bouzas que xogaba diante de Andreeva á procura de entrar nos oitavos de final do Másters 1.000 de Pequín. A rusa, número cinco do mundo, derrotou a Bouzas en dous sets (6-4, 6-1) despois dunha primeira manga moi igualada e unha segunda na que foi moi superior.
Comezou ben Jessica Bouzas, rachando o servizo da súa opoñente, pero Andreeva recuperouse e equilibrou o primeiro set. O momento decisivo estivo no noveno xogo, con empate a catro no marcador, cando a rusa volveu romper o saque da galega e aproveitou para levar o set cun 6-4.
A dinámica mudou no segundo set, cunha Andreeva (18 anos) que se amosou moi superior e conseguiu lograr a vitoria pola vía rápida cun 6-1.