Salas cheas para evitar o peche dos cines do centro comercial de Cee
O Concello alcanzou un principio de acordo coa empresa que xestiona as salas para que continúen abertas
Desde hai un tempo, a ameaza de peche sobrevoa os cines do centro comercial de Cee por mor das débedas da empresa que os xestiona. Un futuro incerto que activou unha campaña veciñal para evitar o final das únicas salas que quedan na comarca. A consigna era encher as salas e a resposta foi masiva.
"Somos un dos únicos cines en moitos quilómetros de costa. Parécenos fundamental mantelo nunha vila como Cee, que ademias dá servizo a moitas outras vilas", comenta unha das impulsoras da campaña.
"É un espazo esencial para promover a cultura. Que peche sería unha desgraza para Cee e para toda a comarca", engade outra moza implicada na iniciativa.
O cine é un ritual de luces ausentes e miradas compartidas. Unha experiencia ao tempo íntima e colectiva que Cee quere conservar. As colas obrigaron a atrasar o inicio da primeira proxección da tarde.
"Fai moitos anos que temos o cine. Estas cousas non se poden perder porque non se recuperan", di unha espectadora.
"Sempre me encantou o cine. As plataformas fixeron moito dano pero non podemos deixar que se peche. Ata Carballo non hai outras sala de cine", explica outra.
"O cine vai continuar. Xuridicamente hai que atalo mellor para que a continuidade sexa estable, pero xa hai un principio de acordo cos representantes dos cines", afirma Margarita Lamela, alcaldesa de Cee.
Tres salas, seiscentas butacas e máis de vinte anos de estreas cinematográficas que polo momento se manteñen.