Aparecen cortadas máis de 600 oliveiras do pazo de Cascaxide
Os propietarios piden colaboración cidadá para dar cos culpables
As oliveiras tiñan 5 anos e estaban a piques de producir aceite nas terras do pazo de Cascaxide, pero alguén decidiu sabotar de base o proxecto cortando máis de 600 pés das súas plantacións. A desfeita atopouna Luis na mañá do luns.
"Cheguei e xa vin todo cortado, todo desfeito, non sei quen o fixo nin por que", explica Luis Vázquez Salgueiro, traballador do pazo de Cascaxide.
Sospeitan que o culpable entrou na plantación na noite do venres ou do sábado e usou unha fouce ou unha machada para cortar os pés das oliveiras. Tamén cren que non estaba só.
"Imaxino que foron varias persoas. Un só cortando 600 oliveiras quedaría coa man descansadiña".
Os propietarios do pazo xa denunciaron os danos ante a Garda Civil. Amais do prexuízo económico, cren que se pode tratar tamén dun delito ecolóxico. E teñen sospeitas de quen puido encargar a acción.
"Isto non se fai sen motivo, imaxino que tiñan un motivo. Sospeitas si que hai".
Mentres a investigación avanza, desde o pazo fan un chamamento á cidadanía para dar cos culpables.
"Se alguén viu ou sabe algo que nolo comuniquen. Isto non pode quedar así".
Agardan poder enxertar ou aproveitar os rebrotes dalgún dos pés cortados, e que a sabotaxe non se repita coas oliveiras que aínda quedan noutras parcelas do pazo. Porque o proxecto do aceite segue vivo, malia que alguén queira impedilo.