Publicador de contidos

Sánchez acorda con Calviño e Díaz derrogar a reforma laboral

Sánchez acorda con Calviño e Díaz derrogar a reforma laboral

O presidente do Goberno reuniuse na Moncloa coas dúas vicepresidentas

Representantes de Economía, Traballo e Seguridade Social negociarán os termos do acordo

Reproches ao Goberno no Senado pola crise interna

Imaxe de arquivo do presidente do Goberno no Congreso canda as dúas vicepresidentas
G24.gal 02/11/2021 13:08

O presidente do Goberno Pedro Sánchez acordou este martes nunha reunión coas vicepresidentas Nadia Calviño e Yolanda Díaz a derrogación da reforma laboral nos termos do acordo de coalición e o plan de recuperación enviado á Comisión Europea.

Segundo informa o Executivo, a reunión mantida este mediodía no Palacio da Moncloa celebrouse nun "clima positivo e cunha actitude construtiva", e nela constatouse que a temporalidade e a precariedade son, xunto co desemprego, as principais anomalías do mercado laboral español, anomalías que están decididos a deixar "atrás".

"Sobre a base do traballo realizado cos axentes sociais ata o momento, o Goberno busca, a través do diálogo social, un acordo con todas as partes xusto e equilibrado", engade o comunicado, que insiste en que o Goberno cumprirá "coa palabra dada".

Neste obxectivo, o Goberno aposta por unha lexislación laboral "moderna" que revise os "desequilibrios" da reforma de 2012 e "deixe atrás" os problemas estruturais do mercado de traballo na senda doutras modificacións que xa se materializaron, como os regulamentos de igualdade, os ERTE, a lei rider ou o traballo a distancia.

"É imprescindible dispor de ferramentas equilibradas na negociación colectiva e, ao mesmo tempo, establecer condicións claras para a subcontratación", subliña o Goberno, que tamén lembra o compromiso do acordo establecido coa Comisión Europea no Compoñente 23 do Plan de recuperación.

Logo da reunión do Consello de Ministros, a ministra portavoz asegurou que a xuntanza serviu para "poñer en común as opinións" dos socios de Goberno, "porque estamos na recta final".

Para Rodríguez, o executivo constatou que "existe un compromiso, que o Goberno está comprometido" nos termos do discurso de investidura, do acordo de coalición e do plan de reformas comprometido con Bruxelas.

A vicepresidenta segunda Yolanda Díaz mostrou a súa satisfacción polo acordo alcanzado coa vicepresidenta primeira Nadia Calviño.

"Hoxe gañaron os traballadores e traballadoras do noso país", afirmou nos corredores do Senado, en cuxa sesión de control participa este martes, e onde destacou: "O que imos facer é cumprir co acordo de Goberno".

O Goberno seguirá negociando nos mesmos termos que o fixo ata agora, pero incorporaránse á mesa os ministerios de Economía e Seguridade Social, en mans do PSOE. A súa intención é buscar un acordo cos axentes socias que sexa, din, xusto e equilibrado.

A reunión entre Sánchez e as dúas vicepresidentas acordouse a semana pasada tras a crise aberta no seo do Goberno de coalición, tras acusar Unidas Podemos a Nadia Calviño de inxerencias no proceso de derrogación da reforma laboral.


"O Goberno é corresponsable do que trouxo á mesa ata agora, e oxalá poidamos chegar a un acordo tripartito coa CEOE. E se non é así haberá que traballar noutros escenarios", dixo Unai Sordo, secretario xeral de CCOO.

Na patronal, pídenlle ao Goberno que actúe cunha soa voz. "Que se aclaren, que se senten e que decidan. Pero eu o que quero é unha interlocución seria co Goberno", pediu Antonio Garamendi, presidente da CEOE.

Para o Partido Popular a derrogación da reforma laboral que aprobaran en 2012 é unha moi mala noticia. E alertan de que pode arredar, din, os fondos europeos para España.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade