Reproches ao Goberno no Senado pola crise interna
A oposición acusa a Calviño e Díaz de "poñer pedras na recuperación"
Díaz defende unha reforma "para acabar cos erros do PP"
Nadia Calviño e Yolanda Díaz chegaban ao Senado cunha tregua baixo o brazo que non impediu os reproches da oposición.
Salomé Pradas, do PP, recriminoulles que "as súas bochornosas pelexas están poñendo a España no foco da incerteza europea. Cada titular que vostedes se lanzan é unha pedra máis no camiño da recuperación española".
Calviño non entraba ao trapo e prefería responder á acusación de mentireira que os populares lanzaban a conta da recuperación económica: "está subindo o emprego, sobre a actividade económica, sobe o consumo. O que non sobe é a responsabilidade, a mesura e o sentido de estado do principal partido da oposición".
A ministra de Traballo si defendía o entendemento dentro do executivo sobre os detalles dunha reforma laboral dos que o PP pedía aclaracións.
A popular María José Heredia reclamaba "que nos concrete en que vai consistir a reforma laboral. Derrogación íntegra como teñen asinada? Xa llo comunicaron a Europa? Xa non é unha modernización como dicía o presidente? O noso presidente non ten palabra, tampouco en Europa?
Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, respondía: "estea vostede tranquila porque o presidente Sánchez, a señora Calviño, o PSOE, Unidas Podemos e eu mesma temos algo claro: imos acabar cos erros da politica laboral do Partido Popular e imos mellorar a vida dos traballadores e traballadoras do noso país".
Antes do pleno, tomou posesión do seu escano o ex-alcalde de Portomarín, novo senador por designación autonómica.