Publicador de contidos

Publicador de contidos

PP, PSOE e BNG plantan o pleno de Ourense tras chamar Jácome "etarras" aos nacionalistas

PP, PSOE e BNG plantan o pleno de Ourense tras chamar Jácome "etarras" aos nacionalistas

O alcalde afea a marcha da oposición da sesión e alega que a el lle chamaron "nazi" ou "fascista"

Europa Press-Arquivo Europa Press-Arquivo
G24.gal 02/10/2026 18:00

Os grupos municipais do PP, PSdeG e BNG decidiron abandonar o pleno ordinario celebrado este venres no Concello de Ourense en sinal de protesta polas palabras do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome acusando o PP de "votar cos etarras" en referencia aos nacionalistas.

Nunha tensa xornada celebrada este venres, os tres grupos políticos decidiron abandonar a sesión cando aínda quedaban varios puntos por debaterse tras afear a actitude do rexedor ourensán, á vez que avanzaron que analizarán nos próximos días posibles actuacións ante a actitude mantida polo alcalde durante o pleno.

A polémica produciuse durante o debate dunha das modificacións de crédito, despois de que o PP optase por votar en contra de varias delas, o mesmo que fixo o BNG. Nese momento, Jácome tomou a palabra para recriminar ao PP a súa decisión e acusou aos populares de "votar cos etarras".

"O PP e o BNG agora fan piña. O PP cos etarras, manda carallo. Quen o diría?", proclamou o rexedor.

Inmediatamente, o portavoz do BNG, Luís Seara, tomou a palabra para pedirlle que retirase o devandito.

"Non son nin etarras nin violentos: somos enormemente demócratas e entendemos a democracia de forma ampla", advertiu o concelleiro nacionalista.

Lonxe de retractarse, Jácome lembrou ao BNG como tomou "pola forza" a alcaldía de Allariz.

"Sodes violentos e estades con Bildu", apostilou o rexedor ante as críticas da oposición.

Nese momento, as tres formacións políticas ao unísono levantáronse dos seus escanos e abandonaron o salón de plenos, ante as críticas do alcalde ourensán, que reprochou aos distintos grupos "o que lles importa" a cidade.

"Se tivésemos maioría absoluta si que funcionaría a cidade e isto iría para arriba e non con xente que está a bloquear todo o intre", ironizou Jácome.

Coa marcha dos grupos, o goberno local decidiu retirar o resto de puntos que incluía a orde do día. 

O alcalde afea a marcha da oposición e alega que a el lle chamaron "nazi" ou "fascista"

Gonzalo Pérez Jácome, cuestionou a decisión dos grupos políticos PP, PSOE e BNG de abandonar o pleno municipal e lembrou que a el en varias ocasións tacháronlle de "nazi" e "fascista".

Durante a celebración da sesión ordinaria e, despois, nas súas redes sociais, o rexedor ourensán acusou á oposición de facerse "a indignada" cando "levan toda a vida chamándome a min fascista e nazi".

"Indignados? Pero se eles levan toda a vida chamándome a min fascista e nazi. E agora se mosquean porque lles falo na súa linguaxe", manifestou Pérez Jácome, quen lembrou como no mandato 2011-2015 unha concelleira nacionalista "pronunciouse a favor de Arnaldo Otegi" durante un pleno do Concello de Ourense.

Jácome cuestionou tamén a postura do PP e lembrou que o propio presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, "acusou de vínculos ao BNG coa ETA".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade