Rusia esixe aos Estados Unidos que deixen de enviar armas a Ucraína
A ofensiva rusa estáncase no Donbás e o exército de Putin atacou cinco estacións de tren no centro e no oeste
Sen grandes avances no leste, as tropas do Kremlin intensificaron este luns os seus ataques contra infraestruturas ferroviarias no centro e no oeste de Ucraína. Os mísiles rusos desfixeron as estacións de cinco cidades, que deixaron incomunicadas por tren, o medio que utilizan maioritariamente os refuxiados para fuxir cara a zonas máis seguras.
A destrución das vías de comunicación é unha estratexia que utiliza tamén Moscova para dificultar o envío de armas a Ucraína. O Reino Unido e os Estados Unidos anunciaron novas achegas económicas e de armamento para o país, ao que a delegación diplómatica de Washington prometeu apoiar ata a vitoria final.
A manobra non gustou nada no Kremlin, que lle esixe oficialmente ao gabinete de Biden que cese o envío de armas a Ucraína. Nunha nota oficial a que tivo acceso The Washington Post, Rusia reprocha aos Estados Unidos que están dificultando as negociacións para un alto o fogo e advírtelles claramente que máis envíos de armas poderían ter, di a nota, consecuencias impredicibles.
O secretario xeral da ONU entrevistarase mañá martes co presidente ruso e o mércores co ucraíno. Os dous gobernos amosáronse dispostos a buscar unha saída para a cidade de Mariupol.
De alí chegan hoxe novas imaxes dos centos de civís que se refuxian na metalurxia de Azovstal e que aseguran que están quedando sen recursos. De maneira unilateral, Rusia ofreceu este luns unha tregua para que poidan saír, pero Ucraína non se fía e pide a intermediación das Nación Unidas para liberalos de maneira segura.