Rueda viaxa á China para explorar novas relacións comerciais e turísticas
Será unha visita de tres días, en que o presidente da Xunta estará acompañado pola conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, para reunirse con sectores clave para a economía galega
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inicia este xoves a súa primeira viaxe oficial á China para explorar novas relacións comerciais e turísticas co país asiático. Será unha visita de tres días, no que estará acompañado pola conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, para reunirse con sectores clave para a economía galega, segundo informa o executivo autonómico nun comunicado.
Na primeira xornada na China, Alfonso Rueda visitará en Shanghai as instalacións da empresa líder da automoción chinesa, Saic Motor, propietaria agora da histórica marca británica MG. Logo de percorrer o centro R&D Anting que SAIC ten en Shanghái, trasladarase a Beijing para reunise co presidente da compañía, Xiaoqiu Wang, e outros membros da directiva.
“Imos tentar buscar puntos de encontro nos aspectos que máis nos interesan. Imos facer valer que somos un lugar seguro para investir e que temos moitas vantaxes que podemos ofrecer a quen aposte por nós”, afirma Alfonso Rueda.
O venres, Rueda e Lorenzana visitarán o salón do automóbil Beijing Auto Show e manterán unha reunión con representantes de Goldwind, un dos principais proveedores a nivel mundial de turbinas para a enerxía eólica. A axenda económica rematará o sábado cunha visita á fabrica de baterías que SAIC Motors ten en Zhengzhou.
O presidente da Xunta manterá tamén encontros con diferentes operadores turísticos de China “para presentarlles Galicia como destino", co obxectivo de atraer máis peregrinos do país asiático no próximo Xacoebao 2027. "Será unha viaxe intensa que agardo que sexa moi fructífera. É un país puxante e interesa estar aquí", remarca Rueda.