Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda recoñece que as perspectivas seguen sen ser optimistas, e avisa: "Daremos cos culpables"

Rueda recoñece que as perspectivas seguen sen ser optimistas, e avisa: "Daremos cos culpables"

Fai un chamamento á coordinación entre administracións e compromete axudas áxiles cando remate a fase actual de protexer as persoas

BNG e PSdeG pídenlle á Xunta un cambio no modelo da política forestal

G24.gal 14/08/2025 15:56

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu que as perspectivas para as próximas horas e días para controlar e extinguir os incendios que arrasan a provincia de Ourense "seguen sen ser optimistas", e advertiu de que xa se está investigando a autoría dos incendios.

En declaracións aos medios en Verín, o titular do Goberno galego, que volveu a agradecer o labor de todos os profesionais que participan nos diferentes dispositivos, explicou que a situación é "moi cambiante" debido ás circunstancias meteorolóxicas, con ventos que "fan que o incendio evolucione de maneira repentina cara a outros lugares" e "comprometendo sitios que parecían tranquilos".

Así, manifestou que esta mesma mañá houbo "moitas dificultades" polo fume para que operasen os máis de 30 medios aéreos que traballan na zona nun operativo no que participan, segundo o presidente da Xunta "case 1.000 persoas". Tamén puxo en valor e agradeceu o envío de dous avións FOCA desde Francia.

Nesta liña, pediu que, aínda que cheguen medios doutros lugares, non se retiren os que xa están a operar e aproveitou para facer un chamamento á coordinación, debido a que, insistiu, necesítanse "máis medios".

Ademais, agradeceu que xa haxa un equipo de investigación da Garda Civil traballando sobre o terreo e investigando a autoría e os incendios, así como o labor da unidade adscrita da Policía Autonómica e das brigadas especializadas da Xunta para este fin.

Neste contexto, advertiu "os incendiarios" de que se están realizando investigacións e que farán "todo o posible para dar cos culpables". "Está a investigarse a autoría", insistiu Rueda, que reiterou que "a inmensa maioría da actividade incendiaria" é provocada por persoas que xa están a perseguir para poñelos á disposición da xustiza. 

Ademais, dixo que hai "pouca comparación" entre os incendios deste mes cos de 2022, xa que, tal e como lle trasladaron profesionais da zona, "aquilo fora moi concentrado e en moi poucos días", mentres que agora aínda "queda moito por diante e as condicións non van ser sinxelas".

Así mesmo, a preguntas dos medios sobre se a Xunta está "desbordada", Rueda defendeu o dispositivo autonómico, "o mellor", dixo, despois de anos de enfrontarse "a grandes crises forestais".

Neste punto, puxo en valor as propiedades que se preservan en incendios complicados como os da provincia de Ourense e o feito de que "non vaian a máis" ou que "se vaian completamente das mans". "Estamos a facer un esforzo importante", insistiu, para a continuación subliñar que "cantos máis medios haxa, mellor".

"Non tería ningún sentido dicir que somos autosuficientes fronte a unha situación complicadísima. Ás veces hai quen pon en dúbida, sobre todo en anos como o 2023 e 2024, con moi pouca actividade incendiaria, onde o dispositivo mantíñase. Para unha situación como a de hoxe, demóstrase que o investimento é importante", aseverou antes de reiterar que cando se solucione a actual situación, poñerán o seu empeño na prevención e na limpeza nas contornas urbanas.

Ademais, o presidente da Xunta, comprometeu que o Goberno galego vai ser "especialmente áxil en dar axudas" para a recuperación tras a vaga de incendios en canto pase a fase de protexer as persoas de lume que arrasa na comunidade.

Agora mesmo estamos centrados en axudar á xente que sofre os incendios. Esa é a prioridade.

Cando chegue o momento, centrarémonos na fase de reparación e axudas. Somos áxiles, como xa o demostramos noutras ocasións.
 

Nunha mensaxe na súa conta da rede social X, asegura que "agora mesmo estamos centrados en axudar a xente que sofre os incendios" porque "esa é a prioridade".

Será despois "cando chegue o momento", cando a Xunta se centrará na "fase de reparación e axudas", unha xestión para a que asegurou que serán "áxiles", porque "xa o demostramos noutras ocasións", escribiu no seu chío. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade