Rueda: "É un orgullo que Inditex leve o nome de Galicia por todo o mundo"
O presidente da Xunta destaca a "vocación de permanencia en Galicia" da empresa nunha visita á sede de Arteixo
O presidente da Xunta Alfonso Rueda visitou este mércores as instalacións de Inditex en Arteixo. Na súa primeira visita institucional á sede central da multinacional galega, Rueda estivo acompañado polo CEO da compañía Óscar García Maceiras e polo vicepresidente José Arnau.
O xefe do Goberno galego destacou que Inditex é un referente mundial no sector da moda que leva o nome de Galicia por todo o planeta. De feito é a primeira exportadora téxtil de España e conseguiu aumentar no primeiro cuadrimestre un 72 % as cifras de exportacións.
Rueda dixo que a Xunta seguirá apostando por este sector ante os desafíos que se lle presentan.
"É un orgullo que sexa unha empresa galega coa súa sede social e as súas instalacións principais en Galicia, o cal merece un recoñecemento e o apoio que lle poidamos dar no Goberno de Galicia. Unha empresa que ten unha dimensión mundial, coñecida en moitísimos sitios, que tamén fai marca Galicia en moitísimos lugares; é un orgullo e unha sorte que estea aquí e que teña vocación de permanencia en Galicia", afirmou.