Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda completa a estrutura da Xunta e pon as delegacións territoriais baixo o seu mando

Rueda completa a estrutura da Xunta e pon as delegacións territoriais baixo o seu mando

As competencias sobre igualdade estarán na Consellería de Política Social, cando antes estaban en Emprego

Anunciouse a creación dunha Dirección Xeral de Solo Industrial e Desenvolvementos Empresariais, dentro da Consellería de Industria, e unha Secretaría xeral de Vivenda 

G24.gal 22/04/2024 20:05 Última actualización 22/04/2024 20:42

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo baixo o seu mando as delegacións territoriais do Goberno galego nas provincias e nas principais cidades, dentro da estrutura orgánica aprobada este luns que será complementada a semana vindeira con máis nomeamentos.

As delegacións territoriais pasarán agora a estar baixo a Presidencia da Xunta, e non da Consellería de Presidencia, mentres que este último departamento sumará as competencias en mobilidade e, por tanto, en todo o que respecta ao transporte público na comunidade, incluído o transporte escolar.

A nova estrutura do Goberno galego recolle que as competencias sobre igualdade estarán na Consellería de Política Social, cando antes estaban en Emprego, e dividiranse entre unha Dirección xeral de Igualdade e unha Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, de nova creación.

Outros cambios xa anunciados, e que este luns se plasmaron no organigrama, son a creación dunha Dirección Xeral de Solo Industrial e Desenvolvementos Empresariais, dentro da Consellería de Industria, e unha Secretaría xeral de Vivenda na Consellería do mesmo nome.

O Consello de la Xunta tamén fixo algúns nomeamentos de altos cargos como o de Isabel Concheiro como directora xeral de Asuntos Constitucionais, o novo departamento creado na Presidencia da Xunta para abordar os litixios co Goberno central.

Silvia Valdés cesou como secretaria xeral de Medios, un posto que pasará a ocupar Pedro Rojo, actual director de gabinete da Presidencia do Parlamento e vicesecretario de Organización do PP galego.

Para a Delegación Territorial na Coruña, foi designada Belén Docampo. No novo organigrama estes cargos de delegados territoriais xa non terán que ser funcionarios do grupo A1 e A2 e poderán ser persoas que non pertenzan a estas categorías e teñan "acreditada solvencia e competencias profesionais", explicou Rueda.

A intención do presidente galego é que completar o resto de nomeamentos de altos cargos a semana que vén para ter a Xunta "a pleno rendemento" tras as eleccións do 18 de febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar