Rueda celebra a convocatoria electoral e sinala "o interese persoal de Sánchez" para o adianto
O presidente da Xunta cre que "por primeira vez en moito tempo, coincide esa decisión co sentido común. Non podiamos seguir así"
(EFE/Lavandeira jr)
O venres, ao ser preguntado cando se debían celebrar as eleccións xerais, Alfonso Rueda contestou que "canto antes". Este luns, xa coñecida a decisión de Pedro Sánchez para celebrar os comicios o día 29 de novembro, o presidente da Xunta dixo que "por primeira vez en moito tempo coincide esa decisión co sentido común. Non podiamos seguir así".
En calquera caso, Rueda sinalou o presidente do Goberno, e "ao seu interese persoal", como motivo último para adiantar os comicios. "Foino desde o principio e vaino ser ata o final", concluíu.
"Non sei se era o que máis lle beneficiaba, pero debeu pensar que era [o momento] que menos lle prexudicaba", dixo Rueda.
"A partir de aí hai moitas teorías, algunhas sobre previsións de resultados electorais, ou de circunstancias que poderían concorrer a partir de agora e que lle interesaba anticiparse a ese impacto. Estou falando de todos os casos xudiciais que un día, si e outro tamén nos escandalizan", abundou o presidente da Xunta.
E respecto ao resultado das eleccións, avanzou que "o que máis lle interesa a Galicia é un cambio de Goberno".
O presidente da Xunta dixo que agardaba que a convocatoria é unha boa ocasión para "derrubar muros co voto democrático", fronte ao que sinalou como intención de Pedro Sánchez de "levantalos e enfrontar as persoas".
Tamén reflexionou sobre o problema da vivenda, que seguramente centrará moitos debates en campaña, e dixo que "é un bo motivo para discutir sempre, porque é a primeira preocupación dos galegos neste momento", e destacou o traballo da Xunta neste ámbito.
Ademais, o presidente da Xunta valorou a posibilidade de que algún membro do seu Goberno poida formar parte das listas do PP nestas próximas eleccións e iso supoña un cambio na Xunta: "Non teño ningunha intención de aproveitar as eleccións xerais, se non estivese contento cun conselleiro ou conselleira, non estaría esperando a esta ocasión", dixo, recordando que hai tres anos varios deles "foron chamados" a formar parte da candidatura de Feijóo.