"Canto antes", Alfonso Rueda amósase a favor do adianto electoral
Pontón ve o BNG "preparado" para afrontar unhas eleccións
Besteiro cre que Sánchez tomará a mellor decisión "en favor dos españois"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse á posibilidade de que haxa un adianto electoral e pediu que os comicios sexan "canto antes".
No Foro La Toja, no que tamén participaron o presidente de Cataluña, Salvador Illa, e o lehendakari Imanol Pradales, o moderador da mesa sobre competitividade e cohesión territorial, Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social de España (CES), pechou o debate coa pregunta sobre a data máis adecuada, sen chegar a nomear as eleccións, cuestión que xerou os risos entre os asistentes.
Dos presidentes autonómicos, Rueda si se animou a contestar a controvertida cuestión. "Eu si a digo, téñoo doado: canto antes", respondeu o dirixente galego.
Pontón ve o BNG "preparado" para as eleccións
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este venres que na súa formación están "preparados" para concorrer ás eleccións xerais "convóquense cando se convoquen", e cre que os galegos saberán apoiar o traballo realizado polos nacionalistas durante este mandato.
Pontón, en todo caso, non opinou sobre se considera que é oportuno un adianto electoral se os decretos sobre vivenda non saen adiante este venres no Congreso, e sinalou que ela "non está para darlle consellos a ninguén", xa que a data das eleccións correspóndelle fixala ao presidente do Goberno.
"Nós non podemos adiantar que vai pasar se estes decretos non se aproban", pero, dixo, o que si saben é que o PP terá "unha enorme responsabilidade en que decretos decaen", co que evidenciará que os populares, na súa opinión, "non están ao lado de quen defende unha vivenda digna, senón de quen pretende facer negocio en con a vida da xente".
Besteiro confía en que Sánchez decidirá a data electoral a favor dos españois
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este venres que os socialistas galegos están preparados para un posible adianto electoral, aínda que subliñou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, decidirá a data das eleccións xerais "en favor dos intereses da inmensa maioría dos españois".
Besteiro remarcou que se decaen os dous decretos de vivenda que se votan este venres no Congreso e por mor diso o presidente decide un adianto nas próximas eleccións, o PSOE galego estará "absolutamente preparado" para afrontar uns comicios que "van ser as eleccións do dereito á vivenda".
Con todo, o socialista galego confiou na decisión que adopte Sánchez, posto que "ten acostumados" os cidadáns "a tomar decisións en favor dos intereses da inmensa maioría dos españois".
O PPdeG cre que Sánchez non está en condicións de gobernar
O portavoz do PPdeGalicia no Parlamento, Alberto Pazos, asegurou este venres que as votacións do Congreso sobre vivenda demostrarán que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, non ten os votos necesarios para sacar adiante o seu decreto estrela e que, polo tanto, "non está en condicións de gobernar".
Preguntado por se ve posible un adianto electoral se os dous decretos lei aprobados esta semana decaen no Congreso por falta de apoios, o dirixente do PPdeGalicia aplaudiu que así fose, xa que considera que habería un cambio de goberno que levaría o seu partido ao poder.
De feito, continuou, non sería un adianto electoral, senón un "atraso electoral", xa que Sánchez debería convocar eleccións hai moitos meses.