Rueda anuncia a creación dunha fundación para impulsar a investigación forestal
A nova institución, de carácter publico-privado, buscará avanzar cara a un "monte diverso, produtivo e que xere riqueza", explicou o presidente da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este martes que o Goberno galego vai crear no 2026 unha fundación para apoiar un novo modelo de investigación forestal en Galicia. Adiantouno na inauguración en Santiago dun encontro sobre o piñeiro no que participaron asociacións de produtores, empresas de madeira e estudos de arquitectura.
Entre os desafíos que marca o sector están as pragas que afectan as coníferas co cambio climático (de aí a presenza de expertos na materia de Chile e O Uruguai), os cambios na regulamentación e o uso da madeira no sector da construción. O obxectivo da nova fundación, explicou Alfonso Rueda, é promover a innovación nun sector estratéxico para Galicia e avanzar cara a un "monte diverso, produtivo e que xere riqueza".
Na súa intervención o presidente destacou que a Xunta vai destinar o ano que vén case 8 millóns de euros para tratamentos fitosanitarios, máis do dobre que este ano.
Alfonso Rueda defendeu ademais que hai que seguir traballando para consolidar a madeira como elemento construtivo nas novas promocións de vivenda e na rehabilitación de inmobles.