Os novos radares da VG20, en Vigo, e da N-550, en Carral, rematan o mes de graza e xa multan
En total son 33 radares os que se activan nesta operación saída de vacacións en toda España, 20 fixos e 13 de tramo
Forman parte do plan da DXT para instalar 122 novos dispositivos de control de velocidade ata finais deste 2026
Acaban de activarse 33 novos radares en toda España. Ata agora funcionaban en período de probas, pero dende hoxe comezan a multar. Dous deles están en Galicia, un en Carral e o outro en Vigo.
É un radar, situado na VG20, a estrada que circunvala Vigo dende a autoestrada de Baiona ata o porto de Bouzas. Leva meses instalado, estivo en probas con advertencia de sanción e é agora cando comeza a multar. Ten unha limitación de 60 quilómetros hora nunha vía ampla, pero que agora está sinalizada con obras.
Pouco despois de saír da AG57, circulando a 120 por hora, en menos dun quilómetro os condutores topamos outro radar cunha limitación de 60. Está no inicio da VG20, un itinerario que utilizan moitos usuarios do Hospital Álvaro Cunqueiro, os traballadores de Stellantis ou veciños de Valadares, Navia e Bouzas. Cumprido o mes de graza sen sancionar, dende estas vacacións a multa xa é real.
O outro radar ubicado en Galicia que se activa nesta Semana Santa é o instalado no quilómetro 15,700 da N-550, preto do polígono do concello coruñés de Carral.
En toda España son 33 radares os que se activan nesta operación saída: 20 fixos e 13 de tramo, a maioría instalados na rede secundaria, coincidindo cunha operación de vacacións en que se agardan 17 millóns de desprazamentos. Tráfico advirte das consecuencias que para a seguridade viaria e a das persoas ten o exceso de velocidade.
Estes novos cinemómetros forman parte do plan da DXT que prevé instalar 122 cinemómetros ata finais deste ano.