Rueda anuncia a bonificación do 50 % no imposto de patrimonio en Galicia
Na actualidade xa goza, segundo dixo, dunha bonificación dun 25 %, ao que se engadirá outro 25 % ata alcanzar o citado 50 %
O presidente avanza que a Xunta estuda deflactar o IRPF
Euskadi únese á estratexia de baixar impostos e anuncia unha rebaixa do IRPF para o ano que vén
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este venres unha bonificación do 50 % no imposto sobre o patrimonio en Galicia, ao sumar un 25 % ao 25 % que xa se aplicaba. Rueda pronunciou unha conferencia titulada 'Competitividade e innovación para unha Galicia con máis certezas' no Foro Económico de La Voz de Galicia.
Supón un aforro de 34 millóns de euros para 7.600 contribuíntes que pagan este imposto ao patrimonio, isto é, que superan os dous millóns de euros entre bens e dereitos.
Na conferencia falou acerca dos orzamentos que presentará o martes no Parlamento, que incluirán "máis de 13.000 millóns de euros" con partidas específicas que "van protexer ás persoas".
Na actualidade xa goza, segundo dixo, dunha bonificación dun 25 %, ao que se engadirá outro 25 % ata alcanzar o citado 50 %. "É moito mellor baixar impostos que subilos", defendeu e afirmou que en Galicia hai "estímulos" para crear "un clima favorecedor" en determinadas cuestións, como no reto demográfico.
Estudan deflactar o IRPF
O presidente galego defendeu que é mellor baixar impostos que subilos, insistiu en que a Xunta manterá as rebaixas fiscais vixentes e dixo que estuda novas, como a de deflactar o IRPF tendo en conta a inflación. Unha medida que Euskadi xa anunciou que vai levar a cabo.
"Claro que estamos considerando outras medidas. O que xa adianto é que o que non vai facer a Xunta, porque non tería ningún sentido nestes momentos, é subir impostos ou amenazar con subilos. Intentaremos baixalos", afirmou Rueda.
Ao preguntarlle por se baixará os impostos sobre o combustible, que en Galicia están no tramo máis alto, dixo que os orzamentos aínda están en elaboración, e matizou que "a Xunta non pode chegar a todo nin facelo todo en solitario".
Na conferencia considerou que a sociedade ten unha serie de "retos" que "non son nada sinxelos", con cuestións como o prezo do gas, a inflación, ou a execución de fondos europeos, nas que "o único que é unha certeza hoxe en día é a dúbida, a incerteza". "O construído nos últimos anos, nas últimas décadas, está, como mínimo, cambaleándose", asegurou.
Ante esta situación, ve tres opcións: unha postura "triunfalista que nega os perigos", coa que vincula, sen citalo, ao Goberno; outra "catastrofista", cun "discurso máis tremendista sen achegar solucións", e, por último, a "vía do 'sentidiño'", que é a súa.
Esta debe ser unha opción que "non esconda os problemas nin lles reste valor, pero que tamén ofreza esperanza", pois cre que "hai oportunidades e hai que sacar proveito delas". "É a vía que me gusta e a que, como presidente da Xunta e responsable público, estou obrigado a seguir", proseguiu.
Ve, neste momento, "indicadores para o optimismo" en elementos como os datos de paro, a potencia exportadora, a transición enerxética e loita contra o cambio climático, o sector naval ou a automoción. E tamén observa oportunidades en ámbitos de desenvolvemento de infraestruturas sobre hidróxeno verde, residuos gandeiros ou de produción de enerxía eólica mariña.
A meta é "que as cifras se sigan mantendo e sigan crecendo" para o que defende, unha vez máis, a necesidade de captar investimentos, simplificar burocracia e dotar de seguridade xurídica, comentou.
Fronte a isto e sobre a execución dos fondos Next Generation da Unión Europa, opinou que os ministerios non teñen capacidade para xestionalos e reclamou a xestión autonómica dos mesmos.
Pontón ve "unha burla" rebaixar os impostos "aos millonarios de Galicia"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou este venres que "rebaixar os impostos a 7.000 millonarios de Galicia é unha falta de respecto e unha tomadura de pelo á maioría", tras o anuncio da Xunta de aumentar a bonificación ao 50 % do imposto sobre o patrimonio, o que cualificou de "burla" que cre que responde os intereses do PP estatal.
"É unhafalta de respecto a todas esas persoas que non chegan a fin de mes que están a ver como o presidente da Xunta traballa para unha minoría e quítalle recursos á maioría", expresou Pontón nun audio remitido aos medios.
Esta bonificación nos impostos significa, segundo o BNG, "quitar recursos para a sanidade, para a educación, para a dependencia, para loitar contra o cambio climático" nun contexto de "a maior crise de prezos en corenta anos".
"Preguntámonos que máis recortes esconde o Partido Popular, que máis esconde neses orzamentos o señor Rueda, que lle está ocultando aos galegos e as galegas", engadiu.
Ademais, a líder do BNG afirmou que esta bonificación fiscal responde os intereses do PP a nivel estatal."Rueda actúa como militante do Partido Popular. Esta decisión é unha decisión que vén marcada desde Madrid. E el, simplemente aquí, dimite das súas responsabilidades como presidente da Xunta para actuar como un militante obediente do Partido Popular e das decisións que toman en Madrid", concluíu.
Formoso lamenta "baixada de impostos aos ricos"
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lamentou a "baixada de impostos aos máis ricos", tras o anuncio da Xunta de aumentar a bonificación ao 50 % do imposto sobre o patrimonio, e considerou que esta medida responde a unha "Galicia sometida" aos intereses do PP estatal e do resto de baróns dese partido.
Censurou esta "baixada de impostos aos máis ricos" porque cre que "prexudica claramente a cada galego e cada galega, que o que queren é unha política fiscal xusta que valla para manter os servizos públicos en Galicia, non para beneficiar aos máis ricos, aos que menos problemas teñen que sufrir en plena crise económica".
"Todo isto vén motivado por facer seguidismo político das instrucións de Alberto Núñez Feijóo aos baróns territoriais do PP, Galicia sometida ao que opina Ayuso en Madrid, Galicia sometida ao que opina o presidente de Murcia", afirmou.