Rueda anuncia que a Xunta reforzará os incentivos para o retorno de emigrantes
O presidente reuniuse cos representantes da colectividade galega en Santiago
Máis dun milleiro de galegos da diáspora reuniranse esta fin de semana en Santiago para celebrar o Ano Santo. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo este venres cos respresentantes das comunidades galegas no exterior e díxolles que o Goberno autonómico seguirá apoiando o retorno dos emigrantes con axudas para montar un negocio ou estudar en Galicia.
Tras dous anos de encontros telemáticos por mor da pandemia, volveu reunirse o órgano de representación permanente da colectividade galega no exterior. As casas de Galicia espalladas polo mundo falaron co presidente da Xunta dos programas sociais que teñen en marcha e das súas necesidades, como a remuda xeracional nas entidades.
Alfonso Rueda aseguroulles que manterán o apoio económico ás persoas que viven en países con dificultades e que teñen como único ingreso as axudas da Xunta. O presidente tamén lles dixo que seguirán apostando polo retorno dos emigrantes reforzando as axudas para volver, montar un negocio ou estudar en Galicia.
"Non se nos ocorre mellor forma de recoñecer todo o esforzo da xente que un día saíu que acollelos, a eles e aos seus descendentes. Polo tanto, manteremos todos os programas que temos en marcha para axudar os que queren volver. Tamén os que queiran emprender terán un apoio especial da Xunta de Galicia", afirmou Rueda.
A Xunta destaca que Galicia é a comunidade autónoma con maior retorno. Unha de cada catro persoas que chegan do exterior, apunta, son retornadas.